A Lei de administración dixital de Galicia permitirá un marco normativo único para ofrecer servizos máis proactivos e personalizados

Xoves 19 de Outubro de 2017

A Lei de administración dixital de Galicia permitirá un marco normativo único para ofrecer servizos máis proactivos e personalizados

A norma, que iniciará o trámite parlamentario a finais de ano, complementará o establecido nas leis estais 39 e 40/2015
O obxectivo é consolidar o proceso de transformación dixital que se está a levar a cabo coas actuacións do Plan de Goberno e Administración Dixital2020
A finais de ano porase en marcha unha nova sede electrónica da Xunta máis accesible
Durante 2018 iniciarase a reformulación das Oficinas de Rexistro e crearase a figura do funcionario habilitado

A directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, lembrou hoxe que a Xunta iniciou a elaboración da Lei de Administración dixital de Galicia, que dotará á Comunidade dun marco normativo único que eliminará a dispersión normativa existente, potenciará un novo modelo de complementariedade entre administracións e permitirá ofrecer unha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos.

A responsable autonómica, que inaugurou xunto coa directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Campos, unha xornada sobre as novidades das Lei 39 e a Lei 40/2015,  subliñou que a norma galega complementará o establecido nestas leis estatais.

Neste sentido, Mar Pereira  sinalou que Galicia vén traballando na transformación dixital da Administración desde o ano 2010 cun Plan de Modernización que permitiu á Comunidade chegar á entrada en vigor das novas leis coas principais pezas dunha administración integramente dixital en marcha e adiantarse, incluso, a algunhas das esixencias que prevén para o ano 2018. É o caso do Arquivo Electrónico ou da posta en marcha da dixitalización do Rexistro Xeral e das Delegacións provinciais da Xunta.

Entre as medidas máis inmediatas do Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, Mar Pereira sinalou a posta en marcha no derradeiro trimestre do 2017 dunha nova sede electrónica da Xunta de Galicia, adaptada a un mellor uso dende dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do perfil do cidadán ou empresa.

De cara a 2018 iniciarase a reformulación das Oficinas de rexistro como Oficinas de atención, que facilitarán a relación de cidadán e empresas coa administración a través dos medios dixitais e poranse en marcha a figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamentos, que posibilitarán a autorización dunha persoa ou funcionario para realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.