Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A EOI, Orange e a Xunta presentan á Rede CeMIT o programa “Sé Dixital” que facilita a capacitación dixital de pemes e emprendedores

O vindeiro xoves o CDTIC retransmitirá a presentación a aulas de 11 concellos
O programa ofrece 20 horas de contidos formativos gratuítos e accesibles a través dunha plataforma de teleformación e un certificado da EOI ao remate

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o operador de telecomunicacións Orange organizan o día 19 de outubro a xornada de presentación do programa “Sé Dixital”, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia a través de videoconferencia a 11 aulas CeMIT en horario de 10.00 a 11.00 h.

“Sé Dixital”, un programa de adaptación á nova economía dixital

“Sé Dixital” é un programa para fomentar a transformación do tecido empresarial de municipios e vilas, co fin de acadar unha rápida e efectiva adaptación destas poboacións e os seus habitantes aos retos que require a nova economía dixital global. Este plan de formación online de balde contribúe a que empresarios e emprendedores locais desenvolvan as súas habilidades dixitais e melloren as súas actividades profesionais gracias ao aproveitamento das novas tecnoloxías.

O obxectivo é que todas as persoas que participen nestes cursos poidan adquirir formación nas competencias que esixe a nova economía dixital, algo fundamental para fortalecer a competitividade e impulsar o emprego e a transformación dixital nos municipios e vilas. Este programa inclúe vídeos explicativos e testemuñas sinxelas que son accesibles a través dunha plataforma de teleformación, con contidos que acadan as 20 horas de formación amena e directa, obténdose un certificado da EOI ao remate do programa.

Aulas

As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela (https://cdtic.xunta.gal/) ou ben a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia a dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios:

  • Boiro
  • Carballedo
  • Celanova
  • Fisterra
  • Leiro
  • Ortigueira
  • Porriño
  • Ribadeo
  • Sada
  • Sarria
  • Valga

Por outra banda, de xeito complementario e no marco do convenio asinado pola Xunta de Galicia, a través do Igape, a EOI e Orange, en breve está prevista a realización de cursos no marco deste programa nas seguintes localidades: Viveiro e Monforte de Lemos, na provincia de Lugo; Verín, Carballiño, O Barco e A Rúa, en Ourense; Carballo e Arzúa na provincia da Coruña; e Vilagarcia de Arousa, A Estrada, Redondela e Marín en Potevedra.

Pódese consultar os datos de contacto das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/centros.

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020

Orange vén de incorporarse ao colectivo de máis de 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden sumar aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.