A directora da Amtega destaca a importancia da colaboración entre insitucións para abordar os retos en materia de confianza dixital

Xoves 05 de Novembro de 2020

A directora da Amtega destaca a importancia da colaboración entre insitucións para abordar os retos en materia de confianza dixital

• Mar Pereira inaugurou hoxe a última xornada do II Foro Cybersec@gal, centrado nos riscos do teletraballo
• A directora sinalou que a implantación do traballo online en tempo récord a causa da pandemia supuxo unha proba de fogo e que agora toca definir o modelo de funcionamento e facilitar a seguridade neste ámbito a cidadáns e empresas
• Recordou que a Xunta ven de poñer en marcha o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, un instrumento de cooperación entre administracións e outros axentes públicos e privados dispostos a aliñar esforzos para impulsar a concienciación e a formación, dar resposta a retos complexos e promover a xeración de talento

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que nos enfrontamos a importantes retos en materia de confianza dixital tras o salto cuántico na absorción da tecnoloxía que implicou a crise da covid-19. Neste sentido cualificou de “inescusable” a colaboración entre as administración e outras entidades públicas e privadas para estar a altura do que demandan cidadáns e empresas e que a tecnoloxía siga sendo un elemento de axuda e tamén de confianza. 
 
Mar Pereira inaugurou hoxe a última xornada do II Foro Cybersec@gal centrado nesta edición nos riscos do teletraballo, destacando que “a súa adopción dunha semana para outra ao inicio da crise sanitaria supuxo unha proba de fogo para administracións e empresas e que agora toca definir o seu modelo de funcionamento e a estratexia para xerar confianza dixital en empresas e cidadáns”. 
 
Mar Pereira lembrou que Galicia vén de poñer en marcha o seu Nodo de Ciberseguridade un instrumento de cooperación entre administracións dispostas a aliñar esforzos neste ámbito. Xunto coa Administración autonómica colaboran no  Nodo a Fegamp, as catro deputacións e o Goberno estatal, a través de  co Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), e o Centro Criptolóxico Nacional, e está aberto á adhesión doutros axentes públicos e privados para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns e empresas, dar resposta a retos complexos e promover a xeración de talento neste eido que aglutina as capacidades existentes.
 
Cátedra R
Mar Pereira aproveitou a súa intervención para felicitar á Cátedra R por impulsar este Foro que naceu con vocación de permanecer no tempo e consolidarse como unha cita anual para abordar os retos en torno a Ciberseguridade. O Foro enmárcase nas actividades da Cátedra R de Ciberseguridade, a primeira cátedra interuniversitaria de Galicia, desenvólvese en colaboración coas Universidades de Vigo (UVIGO) e da Coruña (UDC) e Fundación Euskaltel Konekta. Persegue basicamente promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado e mellorar a capacitación dos membros da comunidade universitaria. A idea é adaptar todo ese potencial de coñecemento e preparación ás necesidades da empresa fomentando, en paralelo, a formación continua, a innovación e a investigación na área da Ciberseguridade.