Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A contratación de internet nos fogares galegos con nenos en idade escolar increméntase ata o 94%, 5 puntos máis que o ano anterior

• A contratación deste servizo aumenta aínda máis nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos, superando o 98%

• A diferencia de contratación de internet entre os fogares nos que conviven nenos e mozos e aqueles nos que non residen rapaces é de 20 puntos

• As barreiras principais para non ter Internet nos fogares con nenos son os custos da conexión ou equipos

• Nos fogares sen nenos a principal causa para non contratar Internet é a percepción da falta de utilidade

• A frecuencia do uso diario de Internet entre mozos de 16 a 34 anos sitúase no 91,1%, 16 puntos máis que as persoas de 35 a 74 anos

 

A contratación de internet nos fogares  galegos con nenos en idade escolar, de 3 a 16 anos, increméntase ata o 94%, 5 puntos máis que no ano anterior, e acada unha diferencia de 20 puntos respecto aos fogares nos que non residen nenos. A contratación deste servizo increméntase aínda máis nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos, acadando o 98,1%.

Son datos do estudo “A mocidade e as TIC” correspondente ao ano 2017, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga) adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Incremento de actividade dixital nos máis novos

Un 97,2% de mozos de 16 a 34 anos navegou por Internet nos últimos 3 meses, fronte ao 66,4% das persoas de 35 a 74 anos que navegaron por Internet nese período.

En relación á frecuencia do uso de Internet, o 91,1% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos navega diariamente, fronte ao 75,2% de internautas de 35 a 74, o que amosa unha diferenza xeracional de 15,9 puntos porcentuais neste indicador.

Respecto aos hábitos dos internautas, aumentan as compras de bens ou servizos a través de Internet nos 3 últimos meses entre os mozos ata o 48,7%, 3,7 puntos máis que o ano anterior e  tamén entre so os internautas de maior idade que alcanzan o 32%, (0,5 puntos máis que o ano anterior).

Respecto aos trámites coas administracións públicas, os internautas máis novos (16 a 34 anos) relacionáronse en maior medida coas administracións públicas a través de Internet, especialmente na procura de información (79,5%) ou no envío de formularios cubertos (75,4%). As diferenzas cos trámites feitos por internautas de 35 a 74 anos están entre  os 18 puntos no caso da procura de información e os 14 puntos no envío de formularios.

Os obstáculos no uso das TIC varían segundo a convivencia con nenos

As motivacións para non contratar aínda de Internet nos fogares con nenos e nenas en idade escolar continúan sendo os custos de equipamento e conexión. Pola contra, nos fogares que non teñen menores en idade escolar, nin estudantes maiores de 16 anos, a motivación principal para non dispoñer de Internet é a percepción de que non lles resulta útil nin interesante.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org