A Consellería de Xustiza e o CPETIG asinan un convenio para a prestación de asistencia pericial á Administración de Xustiza

Xoves 28 de Novembro de 2013

A Consellería de Xustiza e o CPETIG asinan un convenio para a prestación de asistencia pericial á Administración de Xustiza

Alfonso Rueda e Marcos Mata asinaron un protocolo de colaboración para dotar á Administración de Xustiza de asesoramento pericial

A DX de Xustiza recorrerá ao CPETIG cando un xuíz ou tribunal requira a proba pericial de oficio

O CPETIG porá a disposición da Xustiza a súa quenda cos colexiados que cumpran os requisitos

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Marcos Mata, veñen de asinar un protocolo de colaboración para a prestación de asistencia pericial.

Por este convenio, a Dirección Xeral de Xustiza comprométese a recorrer ao CPETIG para a prestación de asesoramento e ditame pericial nos procedementos penais nos que un xuíz ou tribunal requira a proba pericial de oficio, a pedimento do Ministerio Fiscal ou cando a proba fose acordada a solicitude dun beneficiario de asistencia xurídica gratuíta.

A razón que levou a asinar este convenio é a conveniencia de dotar á Administración de Xustiza de mecanismos de asesoramento pericial, realizado por técnicos nestas materias.

O CPETIG porá a disposición da Xustiza o seu Corpo Oficial de Peritos, formado por aqueles colexiados que se inscriben voluntariamente e que cumpren os requisitos de cualificación técnica, formación e experiencia práctica que o Colexio determina. A partir deste listado, atenderá os requerimientos da Dirección Xeral de Xustiza.

Será tamén o CPETIG o encargado de garantir a correcta prestación do servizo, a formación e o control deontolóxico dos peritos, a liquidación das peritaxes e o reparto das cantidades a percibir da Administración.

O CPETIG en apoio do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia

Nado no 2007 co obxectivo de organizar, protexer, mellorar e velar por un axeitado exercicio da profesión, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia está comprometido co desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Grazas a outro convenio asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza ao longo do ano diferentes xornadas e seminarios destinados a mellorar a formación dos profesionais deste área, pero tamén para concienciar a pais e educadores da importancia de formar aos menores no uso das novas tecnoloxías.