Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Amtega publica como software libre o seu arquetipo corporativo para o desenvolvemento de aplicacións JAVA

> O obxectivo deste arquetipo é ser a base sobre a que se constrúan novos produtos software na Amtega, promovendo a estandarización e a reutilización, e facilitando a publicación como software libre das novas solucións que o empreguen

> A liberación como software libre deste arquetipo facilita a súa reutilización por parte doutras administracións, e de calquera outra entidade ou particular, así como a colaboración para a súa mellora

> Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) publica como software libre o seu arquetipo corporativo para o desenvolvemento de aplicacións empregando a tecnoloxía Java Spring Web. O código fonte, liberado baixo unha licenza de software, está dispoñible no repositorio de Software Libra da Xunta de Galicia (https://forxa.mancomun.org/projects/archam-spw/).

Con esta nova liberación búscase poñer a disposición dos desenvolvedores, tanto particulares, empresas ou outras administracións o esqueleto común das aplicacións que se desenvolven na Amtega, co fin de que poida servir como guía para a realización de aplicacións baseadas nesta tecnoloxía, favorecendo a reutilización e fomentando a estandarización das mesmas. Así mesmo, permitirá tamén que o traballo de liberación das novas solucións que se desenvolvan tomando como base este arquetipo sexa moito máis áxil e sinxelo.

O código fonte liberado non só inclúe o esqueleto para o desenvolvemento de aplicacións, senón que tamén se liberan varios compoñentes transversais que se empregan dentro da Amtega e que poden ser reutilizados en moitos casos de uso, como poden ser sistemas de autenticación de usuario, sistemas de configuración ou un sistema de plugins.

Arquetipo de aplicacións Java Spring Web

Spring é un framework, ou entorno de traballo, para o desenvolvemento de aplicacións web usando a linguaxe de programación Java.  O Arquetipo pódese entender como un esqueleto base común para a realización de aplicacións, que inclúe xa unha base a partir da cal se poden desenvolver funcionalidades máis específicas.

Este arquetipo xurde como un obxectivo interno de homoxeneizar e estandarizar todos os desenvolvemento realizados con esta tecnoloxía, cumprindo tamén cos estándares Java da AMTEGA, o que facilita tamén o traballo aos provedores tecnolóxicos, e fomentar tamén na comunidade o desenvolvemento e reutilización de compoñentes transversais.

Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega, quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. O Arquetipo publícase cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).