Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Amtega organiza no CDTIC un seminario sobre ferramentas de software libre para o deseño gráfico e a edición

O 10 de decembro impartirase no Centro Demostrador a xornada “Unha imaxe vale máis que mil palabras. Aprende a creala con ferramentas libres” en horario de 16.00 a 19.00.

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, organiza o día 10 de decembro o seminario “Unha imaxe vale máis que mil palabras. Aprende a creala con ferramentas libres” (https://cdtic.xunta.es/deseno-grafico). que se impartirá nas súas instalacións en horario de 16.00 a 19.00 horas.


Nesta actividade formativa daranse a coñecer as ferramentas que existen en software libre para o mundo do deseño gráfico e da edición, a través dunha introdución aos programas Inkscape, Scribus e GIMP. Trataranse temas como os custos, as fortalezas e as limitacións destas solucións e daranse consellos prácticos para os envíos á imprenta.

Este seminario está destinado principalmente a profesionais e persoas afeccionadas ao deseño gráfico e do mundo da edición; persoas que precisen crear publicacións, carteis ou folletos; persoas interesadas en autoeditar contidos; e a todos aqueles aos que lle guste facer as súas propias creacións. O encargado de impartir a sesión será Denís F. Cabrera, deseñador gráfico desde 2005 e membro de Sacauntos Cooperativa Gráfica e Urco Editora.

Este seminario realízase en colaboración con AGASOL, a Asociación de empresas de Software Libre de Galicia.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.