A Amtega libera unha serie de compoñentes transversais para desenvolver aplicacións e servizos web

Luns 23 de Novembro de 2020

A Amtega libera unha serie de compoñentes transversais para desenvolver aplicacións e servizos web

• Publícanse como software libre para facilitar a súa reutilización por parte doutras administracións, entidades ou particulares, así como a colaboración para a súa mellora
• Enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica como software libre unha serie de compoñentes propios, orientados a engadir funcionalidades comúns a aplicacións e servizos web. O código fonte liberado baixo unha licenza de software libre pode atoparse xa no repositorio de Software Libra da Xunta de Galicia (https://forxa.mancomun.org/projects/transversais/).

Con esta nova liberación preténdese poñer a disposición dos desenvolvedores, tanto particulares, empresas ou outras administracións diferentes módulos que foron desenvolvidos internamente, froito das propias necesidades e que poden resultar de utilidade para o desenvolvemento de calquera aplicación ou servizo web xenérico. Con isto favorécese a súa reutilización e foméntase a súa estandarización.

Esta liberación continúa a senda que iniciou a Amtega fai uns anos, publicando como software libre unha serie de arquetipos software, que xurdiron tamén de necesidades internas, e que permitían a creación de esqueletos de aplicacións e servizos web baseados en tecnoloxía Java. Así, todos estes desenvolvementos que xorden das necesidades da propia administración redunda en crear un ecosistema de recursos de software libre que poden axudar a outras entidades de desenvolvemento de software e a creación dunha comunidade arredor dos mesmos.

Compoñentes transversais para o desenvolvemento de aplicacións e servizos web
Todas as aplicacións e servizos web teñen cousas en común, independentemente da súa temática e especialización particular, existen funcionalidades xenéricas que son comúns a calquera aplicación deste tipo, como pode ser por exemplo un sistema de autenticación de usuarios. A idea da elaboración destas pezas como recursos independentes que poidan ser reutilizados entre aplicacións foi o que deu na creación deste conxunto de compoñentes transversais.

Están feitos empregando as tecnoloxías do ecosistema Java, un dos máis habituais na elaboración de aplicacións web. Calquera aplicación feita nesta tecnoloxía pode incorporar de xeito moi sinxelo calquera destes compoñentes e ter cuberto así algunha das funcionalidades máis habituais e que toda aplicación precisa. No Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia pódese atopar o listado completo de compoñentes e ver que funcionalidades ofrecen.

Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. Os compoñentes publícanse cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).