A Amtega e os clusters TIC e do audiovisual galego celebran en xaneiro “DICO Summit 2017”

Domingo 25 de Decembro de 2016

A Amtega e os clusters TIC e do audiovisual galego celebran en xaneiro “DICO Summit 2017”

Entidades e profesionais de ámbito nacional e europeo abordarán as oportunidades de negocio que ofrecen os contidos dixitais e o seu papel como dinamizador dos sectores económicos
DICO Summit ofrecerá tamén un Showroom coas últimas novidades tecnolóxicas aplicadas aos contidos dixitais e espazos de Networking
Profesionais e emprendedores da área tecnolóxica e doutros sectores económicos, estudantes e calquera persoa interesada no mundo dixital teñen unha cita os días 24 e 25 do mes que vén na Cidade da Cultura
Todas as novidades do encontro publicaranse na web dicosummit.gal

A difusión das últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos son dous dos obxectivos de DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, un evento promovido pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia no marco do programa Viraxe TIC.

Os días 24 e 25 de xaneiro o Edificio CINC da Cidade da Cultura acollerá este encontro, que ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.

Showroom, Networking e Concurso de ideas

Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través dun concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.

A web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. A inscrición poderá formalizarse a través da web a principios de xaneiro.

As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal.