A Amtega e o CPETIG facilitan formación a emprendedores galegos para comezar o seu camiño cara ao autoemprego
Máis de 100 profesionais participan no seminario que se celebra esta tarde no Centro Demostrador TIC
Expertos na xestión económico-financeira da empresa mostrarán os aspectos a ter en conta a hora de iniciar unha nova actividade económica
O xerente de IGAPE Nova exporá as últimas novidades nos programas de apoio ao emprendemento para o ano 2013
A actividade seguirase a través de videconferencia nas aulas CeMIT de A Coruña, Ourense, Vigo e Pontevedra e poderase interactuar mediante o uso do hashtag (ou etiqueta) #EmprenderTIC
O Centro Demostrador TIC acolle esta tarde en horario de 16:00 a 20:30 o “Taller de Emprendemento TIC para o inicio de Actividades” (http://cdtic.xunta.es/emprendemento), organizado polo Colexio Profesional de Enxeñeiros Técnicos en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Este seminario ten como obxectivo formar a aqueles profesionais que desexan realizar actividades por conta propia, no proceso de decisión da forma xurídica da súa empresa e en todos aqueles trámites, xestións e actuacións que terán que afrontar para o cumprimento das esixencias mercantís, fiscais, laborais, de protección de datos e de ordenamento municipal, incluídos os aspectos de financiamento básicos.
O seminarios será impartidos por María Begoña Costa Camino e José Andrés Villamarín Taboada, ámbolos dous licenciados en Economía e expertos na xestión económico-financeira de empresa, que serán os encargados de mostrar os aspectos máis relevantes a hora de iniciar unha nova actividade económica. A xornada rematará coa intervención de Guillermo Viña, xerente Igape Nova - Área de Competitividade do IGAPE, que informará aos asistentes das últimas novidades nos programas de apoio ao emprendemento para o ano 2013.
Seguimento a través de videoconferencia
Esta actividade, como ven sendo habitual nas actividades do CDTIC no ano en curso, poderá seguirse a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de A Coruña, Ourense, Vigo e Pontevedra.
Ademais, poderase seguir e interactúar cos relatores e participantes mediante o uso en Twitter do hashtag (ou etiqueta) #EmprenderTIC, ou mandando unha mensaxe a través do Facebook da IMit.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.