A Amtega celebra a segunda edición do programa AceleraTIC+ para formar a directivos de pemes nas claves da transformación dixital

Martes 04 de Abril de 2017

A Amtega celebra a segunda edición do programa AceleraTIC+ para formar a directivos de pemes nas claves da transformación dixital

A directora da Axencia e o xerente de Afundación inauguraron hoxe a xornada de presentación da iniciativa
Os responsables de pemes interesados en participar xa poden preinscribirse ata o 24 de abril a través da web, do mail ou do teléfono do CDTIC
O programa formativo, impartido pola Escola de Negocios AFundación, comeza o xoves 4 de maio e abordará en seis xornadas as estratexias de negocio para a nova contorna dixital

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xerente de Afundación Pedro Otero, inauguraron hoxe na Cidade da Cultura a Xornada de presentación do Programa AceleraTIC+, para formar a persoal directivo de empresas en aspectos clave relacionados coa transformación dixital dos seus negocios.

Con esta xornada de presentación ábrese o prazo de preinscrición no AceleraTIC+ que permanecerá aberto ata o 24 de abril ás 18.00 h e que conta e con 25 prazas. As persoas interesadas poderán preinscribirse no seu espazo privado na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/aceleraticp) ou no correo electrónico cdtic@xunta.gal.

De entre as solicitudes recibidas a Amtega seleccionará a 25 directivos, que ao completar o Programa Formativo, recibirán o título “II Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” emitido pola Escola de Negocios de Afundación - IESIDE.

Sesións formativas do AceleraTIC+

O programa estrutúrase en seis sesións formativas, de sete horas de duración cada unha, centradas en diferentes aspectos da transformación dixital e que se impartirán na sala 1 da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura.

Comezan o 4 de maio cunha sesión que correrá a cargo de Álvaro Gómez e que leva por título “Como competir no novo contorno tecnolóxico e social? Big data, cloud computing, app economy, Internet of things, robotización e industria 4.0”.

As seguintes sesións distribuiranse así:

Xoves 11 de maio. Novas canles de comunicación coa clientela. Marketing dixital e redes sociais. Javier Varela
Xoves 18 de maio. Estratexia de dixitalización da canle de vendas. O comercio electrónico como unha alternativa estratéxica. Carlos Otero
Xoves 25 de maio. Posicionamento en Internet: SEO – SEM. José Alcañiz
Xoves 1 de xuño. Ferramentas de medición e análise – Obradoiro de Google Analytics. Fernando Gómez
Mércores 7 de xuño. Modelos organizativos e visión dixital. Transformación e xestión do cambio organizacional. Pablo Castejón

Finalmente, o xoves 8 e o venres 9 de xuño serán dúas xornadas de titorización/consultoría personalizada.

AceleraTIC+, de directivos a líderes dixitais na empresa

AceleraTIC+ é a continuación AceleraTIC, celebrado en 2016 con moi boa acollida e tamén en colaboración coa Escola de Negocios Afundación (https://www.youtube.com/watch?v=SYTYjd-TBsA&feature=youtu.be. A iniciativa, enmarcada nas medidas do Centro Demostrador TIC da Amtega para impulsar a transformación dixital das pemes, propicia un entorno onde directivos, xerentes e mesmo emprendedores de sectores de actividades moi diferentes, comparten ao longo das 6 sesións do programa formativo inquietudes, experiencias, problemas e solucións no ámbito da dixitalización, converténdose nun marco idóneo para o establecemento de sinerxias e colaboracións.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos.

O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrarlles ás empresas e aos profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecerlle ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC pon a disposición do sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos e servizos.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciado con fondos Feder.