A Amtega abre a convocatoria das bolsas Digitalent para facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC

Xoves 05 de Marzo de 2020

A Amtega abre a convocatoria das bolsas Digitalent para facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC

• Están destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura
• Os interesados poden presentar as súas candidaturas ata o 6 de abril a través da sede electrónica da Xunta, previa inscrición no portal de Feuga
• Ofértanse 32 prazas nunha vintena de empresas para a realizar prácticas durante tres meses
• É unha das iniciativas Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de bolsas para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC (Bolsas DigiTalent), dirixidas a estudantes do Sistema universitario de Galicia no curso 2019/20 no marco do Plan DigiTalent.
 
Estas prácticas formativas están orientadas a estudantes universitarios menores de 31 anos, matriculados en Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados. 
 
Selección dos bolseiros
Ata o 6 de abril os estudantes poden presentar as súas candidaturas e solicitar algunha das 32 prazas ofertadas polas empresas TIC, seleccionadas como entidades colaboradoras, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal  (código de procedemento PR607A).  Ademais, os interesados deberán estar rexistrados no portal de becas Feuga na seguinte ligazón: http://www.becasfeuga.es/ofertas/listar/etiqueta/amtega. 
 
As candidaturas dos bolseiros valoraranse en función da nota media do expediente académico e unha memoria explicativa sobre a motivación dos solicitantes para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende acadar.
 
Unha vez realizada a selección dos estudantes beneficiarios das bolsas, os participantes realizarán as prácticas formativas nas empresas do sector TIC seleccionadas como entidades colaboradoras por un período de 3 meses. Contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC, as bolsas teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.
 
Entidades colaboradoras do programa
O pasado mes de novembro a Amtega lanzou a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas presentasen as súas solicitudes de adhesión ao programa así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros en función das necesidades que presenten.
 
As 21 entidades colaboradoras seleccionadas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa de entidades que participan no programa está dispoñible na web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent.
 
Colaboración institucional
As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.