Gran éxito de inscrición nos telecentros de comunicación galegos para participar na cata de viños por multivideoconferencia
Nesta actividade, que se celebrará o vindeiro 11 de marzo, poderán participar 229 persoas. Xa están cubertas todas as prazas dispoñibles nos Telecentros de Comunicación de Chantada, Monforte, Oroso e o Centro Multimedia de Galicia (CMG). Os interesados en inscribirse nos TC de Carballo, Catoira, Tui e O Barco aínda poden facelo no portal web do CMG.
Os Telecentros de Comunicación (TC) de Chantada, Monforte de Lemos, Oroso e o do Centro Multimedia de Galicia (CMG), en Santiago, xa teñen cubertas todas as prazas para participar na cata de viños a través de multivideoconferencia organizada con motivo da Feira do Viño de Chantada, que terá lugar o vindeiro xoves 11 de marzo.
Os interesados en inscribirse nos TC de Carballo, Catoira, Tui e O Barco de Valdeorras aínda poden facelo desde o portal web do CMG, simplemente premendo no enlacehttp://reservas.centromultimedia.net/public/reservas.php, ou ben chamando ao Centro de Atención ao Usuario (CAU) do organismo, ao número de teléfono 902 922 270.
Todos os asistentes a este evento, que se celebrará de 20:00 a 22:00 horas desde o Telecentro de Comunicación chantadino, disporán de todo o material necesario para a cata, como os caldos, as cuspideiras, copas... A enóloga Mar Vilanova, investigadora do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), será a encargada de abrir o acto e dar paso a unha cata guiada dos viños desa subzona, durante a cal todos os presentes en cada un dos TC poderán formular as súas dúbidas e experiencias, valéndose das vantaxes e posibilidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías.
A primeira edición da Feira do Viño deste municipio lugués desenvolveuse en 1983, ano no que se achegaron ata ela preto de 10.000 visitantes. Desde entón, foise asentado como unha das feiras máis importantes da provincia, converténdose, a finais dos anos 90, na Feira do Viño máis representativa do noroeste peninsular.
Os Telecentros de Comunicación
Un Telecentro de Comunicación é un espazo duns 100 metros cadrados que dispón de material informático (ordenadores, impresoras...), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma e sistemas de control, entre outros equipamentos, que permiten recrear diferentes escenarios, dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.