O Ministerio de Industria destina 529.000 euros á implantación de novas tecnoloxías nos hoteis e aloxamentos rurais galegos

Lunes 17 de Junio de 2013

O Ministerio de Industria destina 529.000 euros á implantación de novas tecnoloxías nos hoteis e aloxamentos rurais galegos

As axudas poden solicitarse ata o 29 de xullo

Simplificouse o proceso de entrega de documentación, que se realiza a través da sede electrónica de Red.es

Máis de 180 empresas da Comunidade Autónoma de Galicia beneficiaranse das solucións para mellorar a produtividade e comercialización dos seus servizos

Poden participar PEME cun máximo de 49 empregados e 10 millóns de euros de volume anual de negocio

O delegado do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, Samuel Jesús Juárez Casado; a directora adxunta de Servizos Públicos Electrónicos da Entidade Pública Red.es, do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (MINETUR), María Fernández Rancaño; e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; presentaron a nova liña de axudas para a implantación de solucións tecnolóxicas en hoteis e aloxamentos de turismo rural.

A Entidade Pública Red.es, do MINETUR, destina 5,1 millóns de euros a esta convocatoria de axudas dirixida aos autónomos e pequenas empresas que forma parte da Fase II do programa "Aloxamentos conectados", impulsado por Red.es e a Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR). A iniciativa está cofinanciada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e conta co apoio da Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT).

En colaboración coa Xunta de Galicia
En Galicia, o programa realízase en colaboración coa Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e destinaranse 529.000 euros a mellorar a produtividade e comercialización de servizos dos aloxamentos rurais da rexión. Máis de 180 empresas galegas poderán beneficiarse das axudas.

Poden solicitalas hoteis e aloxamentos rurais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia. Diríxense a autónomos e pequenas empresas cun máximo de 49 empregados e un volume anual de negocio de ata 10 millóns de euros. Ademais, deben dispoñer de conexión a Internet de banda ancha, entre outros requisitos.

Os establecementos adscritos ao programa poderán optar a un máximo de dous paquetes de solucións tecnolóxicas, dos tres que se ofertan. Están vinculados á xestión da propiedade, a mellora da web e a mercadotecnia online. Cada paquete está valorado en 2.400 euros e ofértanse 182 para Galicia.

Prazos e Tramitación
Os establecementos poden solicitar as axudas ata o 29 de xullo. As solicitudes tramítanse a través da sede electrónica de Red.es (https://sede.red.gob.es/). Pode obterse máis información no teléfono 901 900 333 e a través do correo electrónicoempresasenred@red.es. As bases íntegras da convocatoria están dispoñibles na páxina web de Red.eshttp://www.red.es/redes/contratacion/c01913-ed e no portal www.alojamientosconectados.es, onde tamén hai dispoñible un video titorial sobre o proceso de solicitude das axudas.

Co fin de axilizar os trámites de solicitude simplificouse o procedemento de presentación de documentación e reduciuse o número de documentos requirido. Ademais abriuse a posibilidade de que os solicitantes autoricen a Red.es para obter de oficio as certificacións de encontrarse ao corrente de pagamento das súas obrigas coa Administración Tributaria e coa Seguridade Social.

No momento de presentar a súa solicitude, os establecementos deberán escoller a que paquetes aspiran en primeiro e segundo lugar e, en función do presuposto, se concederá un ou ambos os dous.

Tres propostas de solucións tecnolóxicas

Paquete 1: Solución de Xestión da Propiedade (PMS), con funcionalidades como a xestión de reservas, tarifas, entradas e saídas, facturación, aloxamento, elaboración de informes, envío de mensaxes a clientes por email e integración con portais de reservas. Tamén inclúe a instalación de equipamento, como ordenador portátil, impresora multifunción, lector de DNI e o software necesario.

Paquete 2: Servizo de Asesoría e Mellora Web. Implica a realización dunha reportaxe fotográfica e un vídeo profesional, a inserción do material audiovisual na web do establecemento e noutras de terceiros, e servizos de auditoría web para avaliar distintos aspectos (accesibilidade, navegabilidade, usabilidade, seguridade, posicionamento, calidade de contidos e estrutura da información).

Paquete 3: Servizo de Mercadotecnia Online. Inclúe a realización dun plan de mercadotecnia, con posicionamento SEO/SEM, xestión de reputación online, email mercadotecnia, envío de newsletter, xeolocalización e uso de redes sociais. Tamén incorpora un plan de mellora da xestión de clientes e a adecuación dos sistemas á Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) e á Lei de Servizos da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico (LSSICE).

O programa conta ademais co portal web www.alojamientosconectados.es no que poderán encontrar información adicional e publicacións de interese para o sector.

Segunda convocatoria de 'Aloxamentos conectados'
Esta convocatoria é a segunda do programa 'Aloxamentos conectados'. A Fase I iniciouse en abril de 2012 e dela beneficiáronse un total de 323 establecementos hoteleiros, pertencentes a 11 comunidades autónomas, 37 deles galegos. Contou cun investimento de 1,4 millóns de €.

As solucións tecnolóxicas empezáronse a implementar o pasado mes de abril e os traballos continuarán ata finais de ano. No ámbito deste programa, Red.es tamén levou a cabo a realización de talleres de capacitación, cun grao de satisfacción do 95%. En total, formáronse nestas xornadas máis de 1.300 profesionais do sector.