A Amtega e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación elaborarán unha nova Guía de Boas Prácticas dirixida ás entidades locais para o despregamento de redes de telecomunicacións

Jueves 31 de Marzo de 2016

A Amtega e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación elaborarán unha nova Guía de Boas Prácticas dirixida ás entidades locais para o despregamento de redes de telecomunicacións

É unha das medidas contempladas no convenio asinado hoxe entre a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o presidente da AETG.

Recollerá todos os aspectos e cambios normativos de interese para as Administracións locais.

Ademais, a AETG elaborará un estudo sobre a calidade das redes de banda larga en diferentes zonas da Comunidade.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) elaborarán unha nova “Guía de boas prácticas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación”, que contemplará os novos aspectos e cambios normativos de interese para a Administración Local.

As modificacións normativas no referente ás infraestruturas de telecomunicación repercuten nas actividades sobre as que exercen as súas competencias as entidades locais, por este motivo, a actualización da Guía de boas prácticas é unha das actuacións previstas no convenio de colaboración asinado hoxe pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente da AETG, Ramón Bermúdez de Castro.

Servizo de asesoramento
O acordo contempla tamén que a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia poña á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación.

Este servizo está dispoñible a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.

A medida exponse como unha canle de comunicación directa cos concellos para dar soporte ás súas necesidades no referente á actualización normativa e ao acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento diario das Administracións Locais.

Medicións e controis sobre o terreo
Por outra banda, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia levará a cabo tamén un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da Comunidade que polas súas características específicas requiran de medidas de control concretas.

A Amtega achegará á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia un total de 65.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.