Corgos destaca a colaboración público-privada no eido da intelixencia artificial e a innovación como clave para sectores estratéxicos como a automoción

Jueves 22 de Enero de 2026

Corgos destaca a colaboración público-privada no eido da intelixencia artificial e a innovación como clave para sectores estratéxicos como a automoción

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na presentación do Piloto de ciberseguridade do vehículo autónomo na rede 5G do Campus de Vigo
Destaca o acordo adoptado pola Xunta para, a través da AMTEGA, destinar preto de 6,5 millóns de euros á creación dunha rede de laboratorios sobre ciberseguridade no transporte
Subliña que unha das grandes fortalezas da automoción galega é que conta cun completo polo de innovación de máis de 200 compañías e co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, con máis de 20 anos de experiencia

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a colaboración público-privada no eido da innovación como clave para a mellora continua de sectores estratéxicos para Galicia como a automoción.

Nesta liña, salientou que a presentación do Piloto de ciberseguridade do vehículo autónomo na rede 5G do Campus de Vigo é resultado do acordo adoptado pola Xunta para destinar preto de 8,5 millóns de euros -dos que, a través da AMTEGA, achega o 75%- á creación dunha rede de laboratorios sobre ciberseguridade no transporte.

Así mesmo, subliñou que o desenvolvemento deste vehículo, que combina tecnoloxía como o 5G, a intelixencia artificial ou a internet das Cousas, tamén é unha mostra da transformación dixital promovida pola Xunta de especialización tecnolóxica adaptada ás características e necesidades do territorio co dobre obxectivo de gañar calidade de vida e xerar riqueza. Falar de mobilidade intelixente é, necesariamente, falar de ciberseguridade, xa que as ameazas neste contorno poden ter consecuencias directas sobre a seguridade viaria, a protección dos datos e a confianza da cidadanía.

“Detrás da consolidación deste logro hai moito traballo cun apoio permanente da Xunta para favorecer e impulsar a dixitalización e a innovación do sector”, dixo, lembrando que o primeiro coche autónomo que circulou por España foi fabricado en Galicia e percorreu, o 23 de novembro de 2025, un traxecto entre Vigo e Madrid de 600 quilómetros.

Ao longo da súa intervención, Miguel Corgos incidiu en que unha das grandes fortalezas da automoción en Galicia é que conta con empresas en todas as fases da cadea de produción, que constitúen un completo polo de innovación de máis de 200 compañías, e co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, con máis de 20 anos de experiencia ofrecendo solucións tecnolóxicas avanzadas para a mobilidade. “En definitiva, todo un conglomerado público-privado que favorece a continua expansión dun sector que representa máis do 15% do PIB galego, factura cerca de 13.000 millóns de euros anuais e supón máis do 30% das exportacións de Galicia”, abundou.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu garantindo o compromiso da Xunta co sector, reflectido no Plan director da automoción 2023-2027, que conta cunha achega económica de 185 millóns de euros.