Lorenzana lembra que ata o 10 de decembro aínda se poden solicitar as novas axudas da Xunta para servizos de ciberseguridade en empresas

Jueves 06 de Noviembre de 2025

Lorenzana lembra que ata o 10 de decembro aínda se poden solicitar as novas axudas da Xunta para servizos de ciberseguridade en empresas

Estes apoios son de concesión directa, para todo tipo de empresas e financian ata o 75 % do custo dos servizos contratados cun tope máximo de 30.000 euros
Trátase, di, de que saiban avaliar os riscos e dispoñan de servizos especializados para operar con seguridade en contornos dixitais
Adianta que a innovación e a dixitalización van estar moi presentes nas políticas da Xunta de apoio á empresa para o vindeiro ano, cun investimento total que ascende a 47 M€

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na apertura da segunda xornada do V Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, lembrou hoxe que ata o vindeiro 10 de decembro aínda se poden solicitar as novas axudas da Xunta para servizos empresariais de ciberseguridade, que contan cun orzamento de 1,5 millóns e 22 empresas tecnolóxicas adheridas como provedores homologados.

Lorenzana interveu hoxe na apertura da segunda xornada do V Encontro Galego de Ciberseguridade-CIBER.gal, onde explicou que estes apoios son de concesión directa, para todo tipo de empresas e financian ata o 75 % do custo dos servizos contratados cun tope máximo de 30.000 euros. Segundo dixo, trátase de que as empresas galegas teñan acceso a un catálogo de provedores e servizos de ciberseguridade: diagnose e avaliación de riscos, implantación de solucións técnicas, mellora da operatividade interna, etc. “Que dispoñan de servizos especializados para operar con seguridade en contornos dixitais”, abondou.

Segundo a última enquisa do INE sobre o uso das TIC e do comercio electrónico no tecido empresarial 2024/2025, no último ano as empresas galegas incrementaron o seu gasto en ciberseguridade un 23 por cento, ata os 126 millóns de euros, o que supón un incremento do 23,6 por cento que é case o dobre que a media estatal. E, con respecto ao uso que fan da intelixencia artificial, sinalou que tamén creceu un 51 por cento este último ano e son xa un 15,7 por cento delas as que a utilizan.

Neste contexto, a conselleira apuntou que o obxectivo da Xunta é consolidar esta tendencia e que, por iso, por primeira vez este ano, se puxo en marcha esta nova liña de axudas para ciberseguridade, e outra destinada a intelixencia artificial en empresas (IA360). “A maior oportunidade que teñen as empresas para gañar en tamaño e en produtividade é ir, pouco a pouco, incorporando aos seus procesos a intelixencia artificial, a dixitalización e a innovación”, dixo, para destacar o apoio que deben dar ás administracións, especialmente, ás máis pequenas.

Lorenzana concluíu asegurando que a información e os datos son un dos activos máis valiosos dos que dispoñen as empresas porque dan soporte á produtividade, á eficiencia operativa e á toma de decisións estratéxicas. Así, considerou a ciberseguridade imprescindible para a competitividade, e adiantou que a innovación e a dixitalización van estar moi presentes nas políticas da Xunta de apoio á empresa para o vindeiro ano, cun investimento total que ascende a 47 millóns de euros.