Convenio de colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) para a realización dunha base de topónimos estranxeiros en lingua galega
Este proxecto permitirá a creación dunha base de datos en liña cun número considerable de topónimos estranxeiros que abranga o nome dos países e as súas capitais, as principais cidades, provincias, rexións (...) e os principais accidentes xeográficos.
O obxecto deste convenio é establecer as condicións de colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), para a realización dunha base de topónimos estranxeiros en lingua galega.
Coa realización deste proxecto vaise crear unha base de datos en liña cun número considerable de topónimos estranxeiros que abranga o nome dos países e as súas capitais, as principais cidades, provincias, rexións, outras localidades divulgadas e coñecidas por diversas causas e os principais accidentes xeográficos.
Así mesmo, o proxecto terá por obxecto:
- Establecer criterios sobre o tratamento da toponimia estranxeira (recuperación de exónimos tradicionais, seguimento das recomendacións do Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos da ONU etc.).
- Establecer unha serie de criterios xerais de adaptación ao galego de topónimos procedentes de linguas de alfabeto distinto ao latino.
- Elaborar un glosario toponímico en liña en galego.
- Elaborar material de consulta e divulgación sobre toponimia estranxeira.
Asinan o convenio, o día 4 de setembro de 2008, o conselleiro de Innovación e Industria, en representación da Xunta de Galicia, e o director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).