Mar Pereira destaca que Galicia cuenta con los medios y recursos necesarios para hacer del sector tecnológico el motor de especialización de la economía
Un sector TIC capaz, capital humano e investigador e unha Administración comprometida son as bazas galegas para acadar este obxectivo.
A Xunta puxo en marcha en abril o Programa Transformatic que aglutina os instrumentos e medios cos que conta a Administración autonómica e os axentes do sector TIC para impulsar o crecemento do sector en Galicia.
A directora da Axencia sinala que esta iniciativa reflicte o compromiso da Xunta, as Universidades e o Clúster TIC para converter á Comunidade en polo tecnolóxico de referencia.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou esta mañá o compromiso da Xunta, as Universidades, os centros tecnolóxicos e o Clúster TIC para situar a Galicia como rexión de referencia no ámbito tecnolóxico. Un compromiso que se reflicte, sinalou, na participación destes axentes no Programa Transformatic da Xunta. Esta iniciativa, que arrancou o pasado mes de abril, ten como obxectivo aliñar os esforzos públicos e privados para fomentar o emprendimento dixital, a transferencia da innovación ao mercado e o fortalecemento do sector tecnolóxico galego.
Durante a inauguración da XII edición das Xornadas GaliciaTIC, a directora da Amtega afirmou que un dos obxectivos da nova Axenda Dixital de Galicia 2020 é facer do sector tecnolóxico o motor de especialización da economía galega, e que a Comunidade conta cos medios e recursos necesarios para conseguilo.
Neste sentido, Mar Pereira lembrou a capacidade do sector TIC galego, que continúa a manter o emprego por riba dos 15.000 traballadores desde 2010 cun volume de negocio de 2.290 millóns de euros en 2013. Os últimos datos do Osimga constatan o esforzo que está a realizar o sector no eido da innovación. En 2013 máis do 30% das empresas TIC galegas desenvolveu actividades de I+D+i, e destas, o 65,2% obtivo resultados comercializables. Ademais, o sector TIC galego incrementou no último ano en máis de 4 puntos a cooperación en actividades de innovación con empresas da Unión Europea e en máis de dous puntos a colaboración neste eido con compañías de Estados Unidos.
A directora da Amtega destacou tamén o capital humano do sector, con máis de 4.000 alumnos matriculados en carreiras TIC no sistema universitario galego, tres centros tecnolóxicos de prestixio e 37 grupos de investigación. A todo isto, engadiu, se suma o compromiso da Xunta, que desde 2009 apostou pola tecnoloxía como elemento estratéxico de crecemento poñendo en marcha a Axenda Dixital 2014.gal, cun investimento de preto de 1.100 millóns de euros.
Pereira avanzou que para dar continuidade aos logros tecnolóxicos acadados en Galicia, a Xunta está a elaborar a nova Axenda Dixital 2020 en torno a cinco eixos establecidos na Estratexia Galega de Crecemento Dixital, aprobada a finais de 2013. Así as liñas estratéxicas da nova Axenda centraranse en acadar unha Administración dixital innovadora, incrementar a capacitación dixital das persoas, impulsar a economía dixital a través da implantación de infraestruturas e solucións tecnolóxicas nos diferentes sectores produtivos, consolidar o sector TIC como estratéxico e impulsar o despregamento de infraestruturas de telecomunicación modernas e sostibles.