A Xunta avanza no novo modelo de xestión dos sistemas de impresión e dixitalización, que xa reduciu nun 40% o número de dispositivos

Saturday 26 de October de 2019

A Xunta avanza no novo modelo de xestión dos sistemas de impresión e dixitalización, que xa reduciu nun 40% o número de dispositivos

• A Amtega inicia a licitación dun un novo acordo marco para consolidar a extensión do servizo integral de impresión e dixitalización, adaptado ás necesidades da Administración electrónica
• Integra nunha mesma contratación o mantemento e dotación de equipos e a subministración de consumibles mediante o sistema de pago por copia
• Reduce os custes de impresión, o número de dispositivos instalados e de páxinas impresas
• Complementa as iniciativas que a Xunta vén desenvolvendo para acadar unha xestión dixital de todo ciclo de vida dos documentos e dos procedementos administrativos

A Xunta de Galicia avanza na consolidación do novo modelo de xestión dos sistemas de impresión e dixitalización corporativos, que comezou a implantar en 2017 para adaptar este servizo ás necesidades da administración electrónica. Con este obxectivo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) licita un novo acordo marco para a contratación centralizada do mantemento e renovación de equipos e o subministro de consumibles mediante o sistema de pago por copia.
 
Co primeiro contrato marco abordouse a primeira fase da reorganización do parque de equipos de impresión da Xunta, reducindo nun 40% o número de dispositivos. O novo contrato marco, aprobado hoxe, permitirá completar a segunda fase do proceso Unha vez implantado o novo modelo de xestión consolidarase un aforro anual de 1,8 millóns de euros, grazas á redución do número de equipos instalados e a optimización de custes derivados da contratación centralizada.
 
Con esta iniciativa a Administración autonómica busca mellorar a calidade dos seus medios de impresión e dixitalización, adaptándoos ás capacidades e necesidades do proceso de dixitalización no que está inmersa.
 
Liñas de actuación
O novo contrato marco permitirá estender a toda a Administración xeral o uso compartido das máquinas por departamentos ou grupos de traballo, limitando o emprego de impresoras en postos individuais para servizos de atención directa ao cidadán ou aqueles que manexen información sensible. Nesta mesa liña, continuaranse a reducir os equipos de impresión a cor en favor de solucións en branco e negro.
 
Outra das medidas que contempla o acordo é a homoxeneización dos equipos, establecendo un número de modelos reducidos. Deste xeito, facilitarase a súa xestión asegurando a posibilidade de xestionar remotamente toadas as máquinas. Ademais, incorpóranse sistemas de control de impresións por máquina para poder analizar as necesidades reais de cada posto de traballo.
 
Este novo sistema permite simplificara a carga administrativa grazas á facturación centralizada baixo a fórmula de pagamento por uso e emisión de facturas únicas por centro de gasto. O acordo marco prevé un investimento de ata 12,2 millóns de euros.
 
Un paso máis para unha administración dixital
A aprobación deste novo acordo marco é unha das actuacións do Plan de Acción de Dotación e Xestión sostible no Posto de Traballo, que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para garantir que os empregados públicos dispoñan dos medios tecnolóxicos axeitados ás súas funcións e á prestación dos servizos dixitais para cidadáns e empresas que require o contexto actual.
 
O Plan complementa as iniciativas que a Xunta vén desenvolvendo desde o ano 2010 para consolidar unha Administración integramente dixital. Os indicadores do Plan de Goberno e Administración dixital 2020 sinalan que se está a avanzar neste obxectivo, tanto entre os cidadáns como a nivel de uso interno.
 
A xestión online está a consolidarse entre os galegos como a opción para relacionarse coa Administración. Entre xaneiro e xuño de 2019 máis do 50% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica da Xunta ou das oficinas virtuais, ou no rexistro electrónico.
 
En canto ao uso do servizos dixitais internos por parte do empregados públicos, cómpre destacar a Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, con 4,7 millóns de consultas no primeiro semestre, un 32% máis no último ano.
Tamén se incrementa o uso da sinatura dixital e no primeiro semestre deste ano rexistráronse na Xunta máis de 1,8 millóns de documentos asinados electrónicamente fronte a algo máis de 1 millón de 2018.
 
Por outra banda, este ano aprobouse a Lei de Administración Dixital de Galicia coa que a Comunidade acada un marco normativo único para universalizar o uso e o acceso aos servizos públicos dixitais.