A Axencia para a Modernización Tecnolóxica e Cruz Vermella achegan a tecnoloxía ás persoas maiores con talleres itinerantes

Saturday 08 de July de 2023

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica e Cruz Vermella achegan a tecnoloxía ás persoas maiores con talleres itinerantes

• Poñen en marcha o “Enredando Tour”, que percorrerá 20 localidades galegas, entre xullo e setembro, con talleres lúdicos de capacitación para reducir a fenda dixital
• Unha furgoneta con equipamento tecnolóxico ofrecerá ás persoas maiores asesoramento e diferentes contidos formativos dixitais así como dispositivos para “enredar” no universo tecnolóxico


O vindeiro 13 de xullo arranca unha nova edición de “Enredando Tour”, una iniciativa da Cruz Vermella en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, para  reducir a fenda dixital entre os maiores. Ata o mes de setembro “Enredando Tour” percorrerá un total de 20 localidades galegas cun programa formativo itinerante.

Esta edición está especialmente dirixida a persoas maiores de 55 anos (aínda que aberta a calquera  persoa que queira participar), ás que se apoiará para que aprendan conceptos básicos do uso das tecnoloxías, así como para derrubar os temores e inseguridades que poidan ter respecto diso.

Talleres de capacitación dixital e menús formativos

O “Enredando Tour” percorrerá Galicia cunha furgoneta superequipada que ofrecerá contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías. Nela transportaranse os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento  á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.

En cada unha das localidades onde recale o tour, instalarase a furgoneta en horario de 10 a 14 horas e organizaranse varios talleres relacionados cos menús existentes. Cada persoa participante poderá formarse nun ou varios contidos de cada menú. O primordial é que a persoa decida que quere aprender e en que medida quere que Cruz Vermella o acompañe na súa capacitación dixital. Neste espazo, situado en prazas ou espazos públicos, as persoas que participen poderán manexar os  dispositivos tecnolóxicos e poderán acceder aos catro menús formativos que Cruz Vermella e a Axencia autonómica deseñaron:

1. “Vivo nun mundo analóxico, rapaza”: menú básico para comezar a “enredar” na internet.

2. “E ti… de quen vés sendo?”: para saber que é e como funciona a mensaxería instantánea.

3. “Dixitalízate, ho”: para aprender como se pode  acceder ao Sergas, facer a compra por Internet e, en xeral , como xestionar o máis cotiá.

4. “Menú: divírtete e aprende”: para coñecer utilidades e aplicacións prácticas na internet.

No espazo das formacións daráselles o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas  ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da páxina enredando.gal.

 

Percorrido por 20 localidades galegas

A ruta comeza na provincia de A Coruña, na localidade de Toques, o próximo día 13 de xullo e continuará en Cabanas o 20, en  Mesía o 27 e en Arteixo o 3 de agosto. O percorrido de actividades chegará tamén ás provincias de Pontevedra, Lugo, Ourense ata acadar un total de 20 localidades ata setembro.

As persoas interesadas en participar nas actividades de “Enredando tour” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.

 

Plan DigiTalent

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten entre os seus obxectivos o de facilitar á cidadanía a adquisición de competencias dixitais e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, no que se enmarca a actividade da Rede de Aulas CeMIT e esta actuación en colaboración con Cruz Vermella. 

 

Sobre Cruz Vermella

Cruz Vermella leva 159 anos colaborando con entidades públicas e privadas para que a humanidade e a dignidade chegue a todas as persoas en calquera lugar e en todo momento e circunstancias.

En España, Cruz Vermella conta con máis de 263.000 persoas voluntarias dando resposta en máis de 6.500 municipios, que permiten atender anualmente a máis de 12,2 millóns de persoas  no ámbito nacional e ter máis de 13,4 millóns de persoas  como beneficiarias no ámbito internacional e máis de 8 millóns de persoas en actividades de sensibilización e contorna. Todo iso co apoio de preto de 1,4 millóns de socios, empresas e aliados en todos os sectores da sociedade.