Julián Cerviño defende o papel da Xunta na especialización de Galicia no desenvolvemento dunha intelixencia artificial humanista

Friday 15 de September de 2023

Julián Cerviño defende o papel da Xunta na especialización de Galicia no desenvolvemento dunha intelixencia artificial humanista

• O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou, está mañá, nunha mesa redonda sobre os “desafíos e oportunidades na transformación dixital”, con motivo do 50º aniversario da tecnolóxica Seresco na nosa Comunidade

• O director da Axencia autonómica destacou o traballo promovido pola Xunta e no que participou o Sistema Universitario e os concellos que permitiu que A Coruña fora seleccionada para acoller a Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial

• Cerviño destacou que o Índice de Competitividade Rexional da Comisión Europea sitúa á nosa rexión por enriba da media comunitaria en preparación tecnolóxica

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou hoxe en Vigo, que o traballo desenvolvido pola Xunta no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) está no camiño de acadar o obxectivo de especializar á nosa Comunidade no desenvolvemento dunha intelixencia artificial confiable e humanista na vangarda europea.

Cerviño participou, está mañá, na mesa redonda “Desafíos e oportunidades na transformación dixital de Galicia”, que formou parte dos actos de celebración do 50º Aniversario da implantación da tecnolóxica Seresco na nosa Comunidade. No debate, tamén participaron a vicepresidenta do Circulo de Empresarios de Galicia, María Borrás; o director xeral de Gradiant, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Luis Pérez Freire; e o catedrático da Universidade de Vigo e director de atlanTTic, Martín Llamas. A mesa foi moderada pola xornalista Gladys Vázquez.

O director da Axencia, dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, destacou o obxectivo transversal da EGD2030 de avanzar cara á especialización tecnolóxica de Galicia a través da creación, atracción e retención de talento dixital e o traballo conxunto co sistema universitario, os centros de investigación e o sector TIC. Cerviño enmarcou neste obxectivo a próxima instalación na Coruña da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).

Lembrou que a presentación de Galicia ao proceso de selección da AESIA foi promovido dende un primeiro momento dende a Xunta, que máis tarde recibiu o mandato unánime do Parlamento de elaborar unha candidatura e seleccionar unha localización.

Na mesma liña de especialización en IA, Cerviño anunciou ás persoas asistentes ao acto que a Xunta traballa nun anteproxecto de lei de Intelixencia Artificial que está en proceso de consulta.

O director da Axencia destacou que perseguir o obxectivo de especialización é posible grazas ao grao de madurez dixital alcanzado por Galicia coa aplicación de dúas axendas dixitais entre 2009 e 2020, que ten continuidade coa EDG2030. Resaltou que no último Índice de Competitividade Rexional da Comisión Europea, Galicia está bastante por enriba da media comunitaria en preparación tecnolóxica, cunha puntuación de 123,8 (na que 100 é a media das rexións da UE).