O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a segunda convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación de banda larga a persoas vulnerables

Tuesday 18 de July de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a segunda convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación de banda larga a persoas vulnerables

• Permitirán contratar ou mellorar a conexión a banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps durante un ano 
• O prazo para a presentación de solicitudes comeza mañá e remata o 15 de novembro 
• Esta segunda convocatoria, enmarcada no Programa estatal ÚNICO-Bono Social, conta cun orzamento de 1,34 millóns de euros dos que poderán beneficiarse cerca de 5.600 familias 
• Esta actuación atópase entre as catro medidas predefinidas polo Goberno de España no marco do compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea para a mellora da conectividade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a solicitude dos bonos dixitais para colectivos vulnerables do programa estatal ÚNICO. O prazo ábrese mañá e permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de novembro.

O obxectivo desta iniciativa é facilitar a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida, durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.

Esta é a segunda convocatoria dos bonos dixitais e conta cun orzamento de 1,34 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea. A previsión é acadar nesta segunda convocatoria arredor de 5.600 beneficiarios.

En base ao especificado pola Unión Europea na súa decisión para a aprobación destas axudas, o uso do bono para a mellora de velocidade só será válido naqueles casos nos que a velocidade contratada actualmente sexa inferior a 30Mbps.

As axudas están dirixidas a fogares que non conten con conexión fixa de 30 ou máis Mbps a Internet e cuxa renda anual (per capita) sexa inferior ao 125% do IPREM en caso de non ter menores ou 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do Ingreso Mínimo Vital así como outras familias con poucos recursos ou risco de exclusión social.

O bono social forma parte das iniciativas predefinidas polo Goberno de España no marco do programa estatal Único, que compromete ao Estado a acadar o obxectivo europeo de que o 100% da poboación teña acceso a servizos de banda larga de polo menos 100 Mbps, en 2025.

As iniciativas predefinidas para todas as comunidades autónomas apenas suman algo máis do 9% do orzamento do que dispón o Estado para acadar este obxectivo (Galicia soamente xestiona un 0,5% dese orzamento e faino con esas iniciativas xa establecidas).