A Xunta pon as tecnoloxías intelixentes ao servizo da saúde e benestar das persoas nas residencias de maiores e discapacidade

Xoves 07 de Decembro de 2023

A Xunta pon as tecnoloxías intelixentes ao servizo da saúde e benestar das persoas nas residencias de maiores e discapacidade

O Consello de Goberno recibiu un informe sobre o grao de execución dos proxectos enmarcados no Modelo dixital de atención sociosanitaria para residencias de maiores e discapacidade
A Residencia Intelixente permite mellorar o confort, os coidados, o control do estado de saúde e aumenta a seguridade das persoas residentes
As constantes das persoas residentes están controladas por un sistema que automatiza a toma de biomedidas
A habitación intelixente mellora o sistema de comunicación da persoa residente coa enfermería e dispón dun sistema que monitoriza a actividade, seguridade e confort
Unha plataforma tecnolóxica centraliza toda a información sobre xestión da residencia e sobre a xestión asistencial ás persoas e integra aos centros de Política Social co Servizo Galego de Saúde

O Consello da Xunta recibiu hoxe o informe sobre o grao de execución dos proxectos enmarcado no Modelo dixital de atención socio sanitarias que poñen as tecnoloxías intelixentes ao servizo das persoas nas residencia de maiores e discapacidade.

O modelo foi elaborado conxuntamente pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Política Social e Xuventude e as actuacións afectarán aos centros actualmente de titularidade da Consellería de Política Social e Xuventude, así como aos futuros centros de coidados intermedios e aos centros do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

O informe refírese a tres actuacións concretas: a automatización da toma de biomedidas, a habitación intelixente e a plataforma de sistemas sociosanitarios para centros residenciais.

Automatización da toma de biomedidas

A automatización da toma de biomedidas consiste no uso dun dispositivo industrial de tipo tablet e dunha estación de traballo móbil nos que se integran sen fíos os diferentes elementos para a toma de biomedidas das persoas residentes. Estas medidas trasládanse de xeito inmediato á aplicación de xestión corporativa dos centros asistenciais (CENPOS). A automatización destes procesos reduce as posibilidades de erros e xera unha descarga de traballo administrativo diario do persoal, que pode investir ese tempo noutras tarefas como coidados diarios, execución de escalas de valoración ou actividades de Plan de Atención Individual.

Na actualidade, o sistema está integrado con  báscula, termómetro, tensiómetro, pulxiosímetro, glicómetro e electrocardiograma.

O sistema está en funcionamento xa en 24 das 28 residencias e centros previstos. Dous máis estarán listos antes de fin de ano e os dous restantes (correspondentes a centros de coidados intermedios) estarán en 2024. En total haberá 88 estacións, o que implica unha media de máis de 3 estacións por centro.

Habitación intelixente

O novo modelo de habitación intelixente incide, por unha banda, na seguridade e confort das persoas residentes e, pola outra, na realización dos coidados por parte dos profesionais, sobre todo de enfermería.

O modelo está integrado por dous sistemas para a comunicación das persoas residentes coa enfermería e para a monitorización da actividade, seguridade e confort.

O sistema de comunicación da persoa residente coa enfermería consiste na instalación nas habitación dunha Terminal Táctil de Habitación (TTH). Trátase dunha tablet deseñada especificamente para o seu uso en contornas sociosanitarias. Ademais da comunicación entre pacientes e enfermería, os dispositivos están integrados co sistema de xestión corporativo dos centros (CENPOS).

A solución incorpora pulsadores de cama e tiradores de baños, que comunican sen fíos co TTH e permiten ás persoas solicitar axuda e comunicarse por voz. Ademais dos sistemas luminosos no exterior da habitación, a solución conta con paneis de control localizados en zonas comúns do centro. Ademais dos terminais, as solicitudes poden ser atendidas tamén dende teléfonos móbiles. Todo o sistema está integrado na aplicación CALAS, dende a que se xestionan e rexistran todos os avisos.

O sistema de monitorización de actividade, seguridade e confort da persoa residente analiza a información procedente de sensores, así como os patróns de comportamento para identificar cambios que poidan indicar situacións de risco ou necesidade de axuda. Os sensores están localizados tanto nas habitacións como no resto do centro.

O modelo de habitación intelixente está a ser instalado en 22 residencias e centros de atención. En sete delas xa está e no resto no primeiro semestre de 2024.

Outra innovación que estará presente en todas as residencias da Xunta antes de que remate o ano é o sistema de rehabilitación virtual física e cognitiva. Este proxecto aproveita a realidade virtual para, a través de xogos, exercitar e mellorar as capacidades motoras e cognitivas dos residentes.

Plataforma de sistemas socio sanitarios

Por último, a plataforma de sistemas sociosanitarios para centros residenciais engade novas funcionalidades ao sistema de información corporativo dos centros (CENPOS). 

Entre esta novas funcionalidades atópanse a integración do CENPOS e os sistemas do Servizo Galego de Saúde; incremento das funcionalidades en mobilidade con utilidades específicas para os profesionais das áreas de mantemento e almacén, limpeza ou cociña e comedor; ampliación  das funcionalidades do CENPOS aos centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; ampliación do sistema de cadros de mando como instrumento de control e seguimento da actividade asistencial global; aplicación dos sistemas de sinatura biométrica; integración co XESAC, o novo sistema de xestión de quendas do persoal e integración cos novos sistemas de recuperación física e estimulación cognitiva virtual.

Entre as principais novidades da plataforma pódese destacar a posibilidade de utilizar un dispositivo móbil para o uso do sistema de información dende diferentes estancias do centro. Por outra banda, os cadros de mando residencial permiten a visualización de diferentes indicadores de atención no ámbito asistencial e apoian o proceso de certificación da calidade.

A vista residente 360º permite a visualización nunha soa pantalla dos diferentes ámbitos dunha persoa usuaria do centro, tanto no aspecto identificativo como asistencial e social.

En 2023 puxéronse xa en marcha os sistemas de cadros de mandos e vista residente 360º. O resto das funcionalidades poñeranse en marcha ao longo de 2024.

As tres actuacións suman investimentos de máis de 7 millóns de euros (sen IVE), dos que 3,35 corresponde á Plataforma; 3,16 á habitación intelixente e 551.200 € á automatización na toma de biomedidas.