A Xunta levará este ano, coa autorización da comisión europea, a telefonía móbil a núcleos illados nos que viven máis de 4.000 persoas
Máis que 4.000 persoas que residen en, polo menos, 144 núcleos de poboación rurais e illados, disporán este ano de cobertura móbil de voz e datos no marco da actuación acordada entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e autorizada pola Comisión Europea. O Consello da Xunta recibiu hoxe un informe sobre o estado desta iniciativa.
Trátase dunha actuación excepcional e complementaria aos compromisos do Estado, que ten as competencias en telecomunicacións, e que debe dotar de banda larga fixa ou móbil de polo menos 100 Mbps ao 100% da poboación, en 2025. Galicia logrou a autorización da primeira liña de axudas a unha comunidade autónoma para a extensión da telefonía móbil en España. A iniciativa da Xunta está a ser empregada como exemplo para os Estados membros, tal como se referencia nas novas directrices relativas ás axudas estatais ás redes de banda larga publicadas en 2023.
O acordo entre a Xunta e os concellos permitirá que este ano entren en funcionamento polo menos 57 torres.
As torres que xa están construídas proporcionarán cobertura a entidades de 6 municipios da provincia da Coruña, 16 de Lugo, 19 de Ourense e 3 de Pontevedra.
A actuación conta cun orzamento de máis de 11 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, dos que 3,7 millóns se destinaron á subvención a Vodafone para a prestación do servizo e o resto ás infraestruturas públicas que está a levar a cabo Retegal, entre elas a construción das torres e as acometidas eléctricas. As parcelas nas que se están a instalar as torres foron postas a disposición polos concellos.