Xa está aberto o prazo de inscrición para a terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, que terá lugar o 2 e o 3 de novembro na Cidade da Cultura

Domingo 15 de Outubro de 2023

Xa está aberto o prazo de inscrición para a terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, que terá lugar o 2 e o 3 de novembro na Cidade da Cultura

A inscrición é gratuíta e con límite de prazas para a asistencia presencial
Un total de 50 profesionais de referencia de entidades públicas e privadas, do sector TIC e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado abordarán os retos da ciberseguridade para a sociedade, as administracións públicas e o tecido empresarial
O hacker e experto en ciberseguridade Chema Alonso, os responsables de Ciber-seguridade de Renfe, Iberia, Microsoft e Google, e o director da Cyberzaintza, entre outros, participarán en diferentes relatorios do Encontro
A comunicadora galega, Esther Estévez, dinamizará o certame de ciberseguridade para os escolares e abordará as ciberameazas nas redes sociais
Un ano máis, CIBER.gal ofrecerá actividades complementarias como o reto “Capture the Flag”, obradoiros prácticos, unha obra teatral sobre a mala práctica no uso da tecnoloxía e o “Conecta Senior” para concienciar ás persoas maiores na importancia da ciberseguridade
Ademais, celebrarase a III edición do concurso “Ciberseguridade no cole!”, que este ano rexistrou récord de participación con máis de 6.600 escolares

Xa está aberto o prazo de inscrición para a terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, que se celebrará os vindeiros 2 e 3 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. A longo das dúas xornadas, un total de 50 profesionais doutras tantas entidades públicas e privadas, do sector TIC e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado abordarán os retos da ciberseguridade para a sociedade, as administracións públicas e o tecido empresarial.

O encontro CIBER.gal, organizado polo Nodo Ciber.gal, está a consolidarse como unha cita de referencia no ámbito da ciberseguridade pola súa vocación de chegar a todo tipo de públicos, xa que está dirixido tanto a profesionais e expertos do sector, como  á sociedade: familias, sector educativo, menores, persoas maiores e profesionais de todos os sectores.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 1 de novembro a través deste enlace https://inscricioncibergal.ciberseguridadegalicia.gal/gl/, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo. Ademais, poderán optar por inscribirse nun ou máis bloques de actividades, segundo as súas preferencias ou intereses.

As xornadas están organizadas por bloques temáticos. Así, durante a mañá do primeiro día abordaranse os retos da ciberseguridade nas administracións públicas, mentres que durante a tarde o público obxectivo será o tecido empresarial. A segunda xornada está orientada á cidadanía e afondarase na importancia da concienciación neste ámbito e na aposta por unha ciberseguridade inclusiva.

O encontro contará coa participación de expertos de referencia no eido da ciberseguridade como o hacker Chema Alonso; o responsable de Ciberseguridade e DPO de Renfe, Francisco Lázaro; o CISO de Iberia, Jesús Mérida; o Security Account Executive de Microsoft, Pablo Chapinal; e o director Office of the CISO en Google, Jorge Blanco. Tamén participarán diferentes responsablesde entidades públicas como Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional e Javier Diéguez, director da Cyberzaintza (a nova Axencia Vasca de Ciberseguridade).  Todos eles abordarán os retos desta tecnoloxía clave desde os seus ámbitos. Ademais, desde unha perspectiva máis social a comunicadora galega, Esther Estévez, coñecida pola súa labor á fronte do espazo divulgativo “Dígocho Eu”, falará dos riscos das ciberameazas nas redes sociais e dinamizará a final do concurso de ciberseguridade dirixido aos escolares.

Actividades complementarias

Ademais de relatorios e paneis, CIBER.gal ofrece unha serie de actividades complementarias, que nesta terceira edición abranguen o concurso “Capture the Flag”, patrocinado por Gradiant, e no que os participantes terán que resolver diferentes retos, no menor tempo posible, demostrando a súas habilidades para resolver problemas relacionados coa criptografía, a análise forense, networking e reversing. Un ano máis, haberá representación teatral coa participación da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e catro talleres prácticos.

O concurso de escolares “Ciberseguridade no cole!”, patrocinado por Telefónica no marco do Encontro CIBER.gal, celebra este ano a súa terceira edición con récord de participación, máis de 6.600 escolares de 120 centros educativos galegos distintos.  O colectivo de persoas maiores volve a ter un espazo específico co “Conecta Senior”, patrocinado tamén por Telefónica, unha actividade  para favorecer a súa confianza no uso de tecnoloxías dixitais.

O  Encontro conta co apoio de entidades pertencentes ao Nodo CIBER.gal, entidade que organiza as xornadas, pero tamén con outras non vinculadas a este ecosistema como mostra do seu compromiso na concienciación sobre a ciberseguridade a todos os niveis no día a día.  Deloitte, Abanca, Ednon, Seresco, Grupo Oesía e Huawei son patrocinadores estratéxicos do III Encontro CIBER.gal.

Nodo CIBER.gal

O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado medio centenar de entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.

A ciberseguridade e unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade.