A Rede CeMIT conectará a preto de 800 nenos e nenas de toda Galicia con Papá Noel a través de videoconferencia

Martes 12 de Decembro de 2023

A Rede CeMIT conectará a preto de 800 nenos e nenas de toda Galicia con Papá Noel a través de videoconferencia

Alumnado de entre 3 e 7 anos de 22 concellos das catro provincias participarán nesta actividade entre ata o 21 de decembro
A conexión con Laponia desde a Rede CeMIT cumpre este ano o seu décimo sexto aniversario

Preto de 800 alumnos de alumnos de educación infantil de 22 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT ata o día 21 de decembro.

Ao longo destes días conectarán con Laponia as aulas CeMIT de  Abegondo, Bande, Bearíz, A Cañiza, Boiro, Carballedo, Castrelo do Miño, Catoira, Celanova, Fisterra, A Fonsagrada, Guitiríz, Leiro, Marín,  Muros, Ortigueira, Santa Comba,  Valga, O Vicedo, Vilagarcía e  Vimianzo, ata completar así as 22 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel e un total 769 nenos e nenas en 32 sesións.

O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu décimo sexto aniversario e cunha grande aceptación entre a comunidade educativa, é facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo.

Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de Día de Guitiriz ou da Asociación  Pro-Minusválidos Aspromor de Ortigueira.

Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 94 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. 

A Rede conta con máis de 110.000 usuarios e  leva planificadas máis de  500.000 horas de formación, desde a súa posta en marcha. A rede conta con máis de 980 "aliados dixitais" entre empresas, entidades e voluntarios. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.