A presentación de demandas e escritos a través da sede xudicial electrónica galega incrementouse un 90% en 2023

Xoves 07 de Marzo de 2024

A presentación de demandas e escritos a través da sede xudicial electrónica galega incrementouse un 90% en 2023

O ano pasado ampliouse o número de trámites telemáticos dispoñibles para a cidadanía na sede xudicial electrónica, na que tamén se poden presentar informes periciais
A implantación do servizo de textualización de gravación de vistas permitiu que haxa xa preto de 80.0000 vídeos dispoñibles en formato texto no visor do Expediente Electrónico Xudicial
A mellora da interoperabilidade entre distintas administracións posibilitou que en 2023 os órganos xudiciais galegos recibiran máis de 12.400 expedientes procedentes de 200 organismos distintos
O 100% das salas de vistas están dixitalizadas e 35 edificios de xulgados e audiencias dispoñen de conexión WIFI
O pasado ano asináronse dixitalmente máis de 22.700 documentos ao día, un 6% máis que en 2022
Son actuacións enmarcadas no III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia. Senda 2025, que conta cun investimento de máis de 43 millóns de euros

Os galegos e galegas presentaron preto de 14.000 escritos na sede xudicial electrónica de Galicia en 2023, o que supuxo un incremento do 90% respecto ao ano anterior. O achegamento da vía telemática á cidadanía é un dos obxectivos do III Plan Tecnolóxico  da Administración de Xustiza en Galicia. Senda 2025, que durante o pasado ano ampliou o número de trámites dispoñibles no Catálogo de procedementos, sumando a execución de títulos xudiciais, a xurisdición voluntaria e a consignación xudicial, ademais de habilitar a presentación de informes periciais de xeito electrónico.

 

Son datos do balance de execución no 2023 do Plan Senda 2025, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Entre as liñas nas que avanzou o Plan está a dixitalización do 100% das salas de vistas e a dotación de conexión WIFi a 35 edificios de xulgados e audiencias. Tamén se completou a implantación do servizo de textualización de gravación de vistas, que permitiu pasar a formato texto preto de 80.000 audiencias. Tanto os vídeos como as textualizacións están dispoñibles para os profesionais do eido xudicial a través do visor do Expediente Xudicial Electrónico.

 

Durante o pasado ano, a mellora na interoperabilidade entre administracións públicas permitiu que os órganos xudiciais galegos recibiran máis de 12.400 expedientes procedentes de 200 organismos de administracións de distinta natureza.

 

Ademais, os profesionais do eido xudicial teñen á súa disposición un novo sistema, Acceda, que lles permite enviar arquivos de gran volume que non poden ser remitidos polo sistema Lexnet. Durante o 2023, proporcionouse o acceso ao escritorio virtual a preto de 2.000 persoas usuarias, a totalidade das que precisan de medios para o teletraballo ou traballo en mobilidade.

 

En  2023, asináronse dixitalmente 4,5  millóns de documentos nos órganos xudiciais galegos, o que supón unha media diaria superior aos 22.700 documentos rubricados electronicamente, un 6% máis que o ano anterior.

 

En canto á ciberseguridade, reforzouse coa implantación de novas ferramentas nos preto de 5.000 equipos do eido xudicial e impartíronse máis de 100 horas de formación e concienciación sobre ciberseguridade. A capacitación é unha das liñas de actuación do Plan para acompañar aos profesionais da Xustiza en todo o proceso e en 2023 realizáronse preto de 3.400 horas de actividades formativas.

 

Investimento de 43 millóns de euros ata 2025            

Todas estas actuacións enmárcanse noIII Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, que busca a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades.

 

O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos, o que supón un incremento do 68% respecto do investimento dos dous plans anteriores, Senda 2014 e Senda 2020, que mobilizaron 50 millóns de euros en dez anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega.