Girl STEM remata a súa terceira edición entrevistando a Susana Martínez Conde, unha científica galega que traballa na Universidade de Nova York

Xoves 10 de Decembro de 2020

Girl STEM remata a súa terceira edición entrevistando a Susana Martínez Conde, unha científica galega que traballa na Universidade de Nova York

• A sexta e última conversa desta edición céntrase na importancia da investigación neuronal para axudar a previr e curar enfermidades e tamén para continuar avanzando nas posibilidades da intelixencia artificial
• Os contidos desta edición foron distribuídos a 327 centros de ensino dentro do Plan de Talento Dixital da Xunta, co obxectivo de incentivar ás mozas a cursar estudos STEM

 

 

Na última entrega desta tempada GIRL STEM conversa con Susana Martínez Conde, unha científica galega que imparte aulas na Universidade de Nova York, desde onde desenvolve tamén estudios de máxima relevancia para o coñecemento das conexións neuronais que se producen no noso cerebro ás que de momento non temos acceso e que serán un paso fundamental para avanzar nas aplicacións da intelixencia artificial.
 
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), rematan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
 
Con esta sexta conversa finaliza a terceira edición do programa, que se difundiu en formato totalmente dixital e que AGASOL fixo chegar a 327 centros de ensino galegos en formato de pílulas audiovisuais, acompañadas de unidades didácticas, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. Deste xeito, foi posible non só adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, senón tamén achegar recursos que permitirán traballar de forma transversal nas aulas dos centros de ensino de Galicia durante todo o curso. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
 
Susana Martínez Conde
Susana Martínez Conde, nada na Coruña, é unha científica neuronal galega. É Catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía; e Directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada, na Universidade do Estado de Nova York (SUNY). Realizou os seus estudos de doutoramento en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, para a continuación trasladarse aos EEUU a traballar xunto ao Premio Nobel David Hubel, na Universidade de Harvard.
 
Actualmente é profesora de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía na Universidade Estatal de Nova York, no Centro Médico SUNY Downstate, onde dirixe o Laboratorio de Neurociencia Integrativa. Anteriormente foi instrutora de Neurobioloxía en Harvard, e despois dirixiu laboratorios no University College London, no Reino Unido; e no Instituto Neurolóxico Barrow, en Arizona. O seu programa de investigación actual céntrase na neurociencia cognitiva, perceptual e oculomotora. 
 
 
Entre as distincións recibidas pola Dra. Martínez-Conde atópase o premio internacional EyeTrack Award, polos seus estudos con pacientes de Parkinson, o Empire Innovator Award outorgado polo Estado de Nova York, e o Premio 100 Españois.
 
 
Ligazón á conversa con Susana Martínez Conde: