O Programa Primare integra solucións tecnolóxicas innovadoras para os sectores tradicionais da economía galega

Formulario de busca

O Programa Primare integra solucións tecnolóxicas innovadoras para os sectores tradicionais da economía galega

Formulario de busca

O Programa Primare integra solucións tecnolóxicas innovadoras para os sectores tradicionais da economía galega

  • A dixitalización das lonxas posibilitará as poxas online e mellorará a comercialización
  • No campo tres soluciones innovadoras permitirán explotar os datos capturados por sensores, obtendo información de interese para a Administración e os agricultores

 

O Programa Primare, desenvolvido pola Amtega en colaboración coas Consellerías do Mar e do Medio Rural, é unha estratexia que promove o desenvolvemento do medio rural e do mar, a través de solucións tecnolóxicas innovadoras para conseguir unha actividade do sector primario galego – agrogandeiro, forestal e pesqueiro - máis sustentable e contribuír a aumentar a súa competitividade.

Este obxectivo está recollido dentro do desafío 13 da Axenda Dixital de Galicia 2020 “Da Modernización á Transformación Dixital do Sector Primario”.

Dixitalización das lonxas

No ámbito da pesca, Primare contempla a dixitalización de 35 lonxas, das cales 10 inician o proceso en 2018. As rulas de Arcade, Cangas, Ferrol, Fisterra, Illa de Arousa, Moaña, Portonovo, Redondela, Vigo e Vilaboa, serán  as primeiras que terán á súa disposición unha plataforma tecnolóxica única, que integrará os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda, modernizando a xestión duns procesos fundamentais na xestión e comercialización que se desenvolve nas lonxas galegas.

Estes son aspectos fundamentais, tendo en conta que as lonxas son na actualidade os centros neurálxicos para a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros, acadando no ano 2016 os 500 millóns de euros de facturación pola venda de peixe e marisco.

Solucións de comercialización e xestión

As lonxas terán acceso nesa plataforma a unha  nova solución de comercialización que lles permitirá obter información de xeito automático da identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas na lonxa para a súa poxa nas distintas modalidades e emitir os documentos relacionados coa comercialización dos produtos; así como introducir e validar a información de xeito directo desde outros sistemas de información.

Disporán tamén dun novo sistema de xestión da actividade propia da lonxa e da confraría (comercialización, subministracións, presentación de servizos,...), que lles facilitará a tramitación da contabilidade, da facturación, do pago impostos coas distintas administracións e a xestión social da entidade (censo, información de interese, etc.).

Poxas online

Ademais, o novo sistema de comercialización posibilitará as poxas online, que poderán realizarse directamente desde unha nova aplicación instalada no smartphone. Poderase tamén poxar en diferentes rulas ao mesmo tempo por parte de compradores presenciais e non presenciais, o que cambiará de maneira substancial os procedementos das lonxas tradicionais, permitindo obter maior valor engadido para os vendedores.

Renovación de equipamento

A iniciativa inclúe a renovación dos equipos tecnolóxicos asociados que sexa necesario: pantallas de subasta, servidores, smartphones, equipamento que facilite a comunicación con básculas e etiquetadores, etc.

En paralelo, as actuacións que se porán en marcha teñen previsto a mellora ao longo do 2018 tanto da conectividade ás redes de comunicacións, ampliando as capacidades e mellorando a fiabilidade actual, como das infraestruturas e equipamentos tecnolóxico das rulas.

Para levar a cabo todas estas actuacións a Consellería do Mar investirá máis de 3,8 millóns de euros distribuídos nas anualidades 2017, 2018 e 2019. Esta cantidade será cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

Xestión dixital do campo

No campo, o Programa Primare investirá preto de 3,5 millóns de euros no desenvolvemento de tres soluciones tecnolóxicas, que non existían no mercado, para ofrecer servizos de valor engadido para mellorar a competitividade deste ámbito.

A primeira das solucións permitirá a xestión de información xeográfica, territorial e agroambiental xeorreferenciada necesaria para o control da actividade agraria, que integrará os datos capturados mediante sensores transportados por UAVs (vehículos aéreos non tripulados) ou outros dispositivos tecnolóxicos. Este sistema permitirá obter imaxes das parcelas con calidade suficiente para o seu posterior tratamento, así como datos relativos á xestión dos cultivos como poden ser a altura do terreo, a altura do cultivo ou grao de humidade.   

Para transformar estes datos en información útil, crearase unha plataforma de procesado de información de parcelas agrarias, que permitirá obter mapas xeográficos, nos que identifican as parcelas, a súa morfoloxía topográfica, incluso os cultivos e outros datos obtidos a través dos sensores.  Toda esta información estará almacenada nunha plataforma con capacidade para explotala de forma útil, tanto por parte da Administración como dos axentes do sector primario. En base a estes datos poderanse desenvolver diferentes aplicacións orientadas a mellorar e optimizar a produción e a facer un seguimento dixital das súas parcelas e cultivos.

A terceira solución prevista centrarase no deseño e implementación dun sistema intelixente para automatizar os traballos sobre o terreo e a toma de decisións asociadas ás axudas europeas en Galicia. En base á información obtida coas solucións anteriores, este sistema permitirá axudar a determinar os tipos de parcelas e que os técnicos poidan tomar decisións sen trasladarse sempre fisicamente á parcela.