![]() |
Plan Galicia 5G |
A Xunta de Galicia aprobou, no seu Consello do 26 de xullo de 2018, o Plan Galicia 5G. O Plan, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración cos axentes do ecosistema TIC galego, ten un dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesario para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía se localice en Galicia. Para conseguilo o Plan establece catro liñas de actuación con diferentes medidas facilitadoras. A primeira da liñas de actuación busca impulsar un despregamento máis áxil das redes de telecomunicación coa elaboración dun modelo de ordenanza municipal tipo, promovido pola Xunta e a Fegamp que harmonice a normativa municipal e facilite aos operadores axilizar os trámites relativos a estes. Ademais, definirase un catálogo de solucións técnicas válidas para contornas protexidas como os centros históricos ou os espazos naturais e porase en marcha unha oficina de asesoramento 5G a concellos. A segunda liña é a posta a en marcha do Nodo de cooperación rexional 5G, coordinado polo operador público RETEGAL e que abordará a análise de escenarios de uso e a realización de diferentes prototipos baseados nesta tecnoloxía, coa participación dos operadores, as empresas tecnolóxicas e os potenciais clientes das solucións. A terceira medida céntrase en situar a Galicia como rexión piloto do 5G co lanzamento, no período 2018-2019 das primeiras probas de concepto baseadas nesta tecnoloxía e desenvolveranse actuacións de difusión das vantaxes destas redes. A cuarta liña de actuación prevé a creación dun Plan de Formación Especializada 5G en colaboración coas universidades e os axentes do ecosistema 5G; liñas de financiamento orientadas a que as empresas con servizos ou produtos 5G poidan impulsar o seu crecemento, e a potenciación da demanda de servizos 5G pola propia Administración. |