Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Xogos en 3D e proxeccións, entre as actividades da mostra Galiciadixital que puideron desfrutar os 45.000 visitantes do XIII Salón do Cabalo Equiocio

O próximo destino da exposición será a localidade de Chapela, en Redondela, onde permanecerá do 15 ao 20 deste mes. Ata finais de ano, a mostra visitará tamén os municipios de Narón, A Rúa, A Coruña, Muxía, Pontevedra, Padrón, Sarria, Ourense, Arzúa, Lugo e Vigo.

A Secretaría Xeral de Medios ofrece a través de Galiciadixital unha experiencia interactiva, pensada para que os espectadores participen activamente en todo o percorrido.

As arredor de 45.000 persoas que se achegaron ao XIII Salón do Cabalo, Equiocio, celebrado de mércores a domingo da pasada semana no Recinto Feiral de Punta Arnela, en Ferrol, puideron disfrutar de proxeccións e xogos en tres dimensións grazas á exposición itinerante e interactiva Galiciadixital, posta en marcha pola Secretaría Xeral de Medios.

Así, os interesados puideron descubrir o mundo virtual que ofrece esta mostra a través da actividade “Cidades do Camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360 graos nunhas pantallas que colgan do teito, e que permite a cada usuario realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

Ademais, nunha pantalla de gran tamaño proxectáronse todos os contidos da exposición permanente, que ten a súa sede no Mosterio de San Martiño Pinario, en Santiago, desde hai unha década, e a través da cal a Secretaría Xeral de Medios pretende dar a coñecer a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisual e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade.

Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan só simples espectadores, senón que participen en todo o percorrido, achegando, desa forma, os avances en tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia a toda a cidadanía.

Desde o seu nacemento, no ano 1998, Equiocio tense convertido nunha fiestra aberta ao mundo da hípica e ao entretemento, recibindo cada ano a miles de participantes e visitantes, así como coñecidos rostros do mundo da política, o deporte, a cultura ou a televisión, entre outros ámbitos.

Ao longo deste ano, a exposición Galiciadixital itinerante visitará tamén as localidades galegas de Redondela, onde estará do 15 ao 20 deste mes, Narón, A Rúa, A Coruña, Muxía, Pontevedra, Padrón, Sarria, Ourense, Arzúa, Lugo e Vigo, incluíndo novos contidos relacionados co 25º aniversario da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), entre os que se atopan un vídeo conmemorativo, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e coa televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia da compañía.