Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Xesús Vázquez Abad inaugura a xornada “educación para o amor na era dixital” que se celebra en Santiago

O conselleiro de Educación estivo presente nun encontro no que se tratou a influenza do entorno e as novas tecnoloxías no desenvolvemento dos estudantes

No evento estiveron presentes preto de 200 persoas entre persoal docente, pais e nais de rapaces galegos

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a xornada “Educación para o amor na era dixital”, celebrada en Santiago de Compostela. O acto organizado pola Confederación Galega de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Congapa) reuniu a preto de 200 interesados entre docentes, pais e nais.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou a importancia de coñecer as novas tecnoloxías e que nestes momentos desde a Consellería “se está facendo un grande esforzo nestes tempos de crise, para que as TIC´s cubran as necesidades escolares e para que aprendan a facer un uso máis racional e responsable das mesmas. De aí que tiveramos moi en conta as investigacións e traballos que nos proporcionaron sólidas bases para construír o noso futuro”. Vázquez Abad engadiu que “quixera adiantar aquí algúns proxectos que xa son realidade na comunidade educativa de Galicia. Refírome ao proxecto “Abalar”, que na actualidade chega a 14.500 alumnos e alumnas da ESO. Este programa está instalado en 700 aulas de case 300 centros de ensino de Galicia. O plan, verdadeiramente ambicioso, irá avanzando e incrementándose, curso trás curso, ata cubrir as necesidades do país”.

A intervención do conselleiro foi precedida pola do presidente da Congapa, Jorge Vilariño; e continuada polas palabras do presidente da Confederación Católica de Asociacións de Pais de Alumnos e Pais de Familia(Concapa), Luis Carbonell.

Os participantes

Posteriormente deu comezo a xornada co relatorio de Jokin de Irala, profesor titular e vicedecano da facultade de Medicina da Universidade de Navarra, nunha conferencia titulada “Quédalles papel educativo aos pais?”. Tras el chegou a quenda de Fernando García, profesor e director pedagóxico do Foro Xeracións Interactivas, que tratou o tema de “As redes sociais na vida dos nosos fillos”. A mañá rematou cunha nova intervención de Fernando García sobre “Valores e contravalores nas redes sociais”.

Xa pola tarde, Jokin de Irala volveu a intervir no taller “Cómo contestar ás preguntas dos nosos fillos”. Neste espazo o profesor deu a coñecer técnicas para que os pais teñan ferramentas para enfrontarse ás dúbidas que lles xurdan.

A xornada rematou cunha mesa redonda en torno a “Profesores e pais: ferramentas para potenciar o talento”. Neste encontro participaron os xa citados Jokin de Irala e Fernando García. E, xunto a eles Joaquín Pereira, director de colexio en Vigo; Olga Suárez, catedrática de inglés de ensinanza secundaria ESO e bacharelato en A Coruña; e Evaristo Alonso, director de Banca Premier.

Co seu apoio a accións como esta a Consellería volve demostrar a súa preocupación polo bo uso da Internet por parte do alumnado, para a ensinanza e enriquecemento dos escolares, así como por evitar os perigos que levan consigo as novas tecnoloxías se non se controla os contidos aos que se accede. Sendo coñecedora de todo isto a Consellería considera básico que os educadores tamén teñan os coñecementos precisos para axudar as mozas e mozos a optimizar positivamente esta nova vía de coñecemento.