Xesús Vázquez Abad: “ABALAR será un referente na implantación das TIC no sistema educativo”

Mércores 10 de Marzo de 2010

Xesús Vázquez Abad: “ABALAR será un referente na implantación das TIC no sistema educativo”

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria destacou no programa ‘Bos Días’, a boa acollida que está a ter o proxecto galego. Numerosas Comunidades Autónomas mostraron interese por ‘EspazoABALAR’, o portal web permitirá ás familias seguir a evolución académica dos fillos e interactuar cos centros.

O vindeiro curso, o programa chegará a máis de 700 aulas, e 14.500 rapaces terán cadanseu ultraportátil.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria destacou no programa ‘Bos Días’, a boa acollida que está a ter o proxecto galego

Numerosas Comunidades Autónomas mostraron interese por ‘EspazoABALAR’, o portal web permitirá ás familias seguir a evolución académica dos fillos e interactuar cos centros

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe que varias Comunidades Autónomas mostraron xa o seu interese por ‘EspazoABALAR’, o portal web que desenvolverá a nova estratexia de integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no sistema ensinanza-aprendizaxe.

Deste xeito, nunha entrevista no programa da TVG ‘Bos Días’, Vázquez Abad confiou en que “ABALAR será un referente na implantación das TIC no sistema educativo”, habida conta a boa acollida que está a ter o proxecto. Neste sentido, o conselleiro destacou ademais a necesidade de integrar a familias, alumnado e profesorado para conseguir o cambio do centro educativo tradicional ao Centro Educativo Dixital, favorecendo o rol de cada membro da comunidade educativa neste proceso.

No vindeiro curso, ABALAR chegará a máis de 700 aulas, en 200 centros educativos, e beneficiará a 14.500 rapaces, que disporán de cadanseu ordenador ultraportátil. O obxectivo do proxecto para esta lexislatura é previsto que se beneficien da modernización do ensino uns 87.000 alumnos de 1.000 centros educativos, ademais de 15.000 docentes, que recibirán formación específica para o uso das TIC na súa práctica diaria. Preguntado sobre se os centros están preparados en materia de infraestruturas para facer fronte a este reto, Vázquez Abad explicou que se trata dunha estratexia “a medio e longo prazo”, pero insistiu en que “algunha vez hai que poñer unha primeira pedra e comezar a cambiar o sistema educativo”. Non en balde, puntualizou, “ABALAR vén do ‘abal’ celta, que significa avanzar”, idea que sustenta todo o proxecto.

Apoio aos editores
O conselleiro de Educación incidiu na necesidade de formar a profesorado, alumnado e familias no uso axeitado e aproveitamento das TIC na ensinanza. Para iso, a Xunta de Galicia vai poñer todos os recursos necesarios, cun investimento de máis de 12 millóns de euros na primeira fase do proxecto, para garantir o acceso en igualdade de todos os galegos e as galegas a unha educación de calidade, e acabar coa fenda dixital. “Facer unha Galicia forte, non dúas Galicias”, explicou.

Deste xeito, ABALAR conseguirá motivar ao alumnado, con medios que saquen del o mellor en base ao seu traballo e ao seu esforzo, integrar ás familias, e facer máis doado o traballo aos docentes.

Neste punto xogará un importante papel o portal ‘EspazoABALAR’, que ademais de permitir o seguimento académico dos rapaces e a interacción case en tempo real entre todos os membros da comunidade escolar, vai poñer a disposición de profesores e alumnos toda unha serie de recursos, ferramentas e materiais dixitais para o ensino.

Ademais, o conselleiro explicou que está a manter conversas cos editores, “que están tratando de facer un cambio, porque son conscientes de que a nova sociedade esixe cambios. Nós somo os primeiros interesados en que o sector galego desenvolva novas tecnoloxías, que o leven a ser punteiro neste ámbito”.

Estratexia integral e avaliación
A estratexia integral de cambio no modelo educativo de Galicia levarase a cabo dunha introdución transversal das TIC no ensino, e inclúe, tal e como explicou Vázquez Abad, o reforzo das materias instrumentais. Ademais, o plurilingüismo que está a impulsar a Xunta de Galicia poderá aproveitar todas as posibilidades que a integración das novas tecnoloxías lle vai poñer ao seu dispor.

O conselleiro de Educación engadiu que se vai avaliar ano a ano o ritmo de introdución e de funcionamento do Proxecto ABALAR, en conformidade co compromiso deste Goberno coa calidade da ensinanza.