Vázquez Abad asina un convenio de colaboración coa Fundación Penzol para a dixitalización dos fondos bibliográficos e documentais

Martes 21 de Agosto de 2012

Vázquez Abad asina un convenio de colaboración coa Fundación Penzol para a dixitalización dos fondos bibliográficos e documentais

A Consellería achegará 35.000 euros este proceso para que os documentos poidan ser empregados tanto na biblioteca de Galicia como na Fundación

Entre os fondos atópanse algúns relativos á obra de Castelao, ao clero regular, de carácter notarial e de asociacións de diverso valor singular

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, actuando na súa condición de Presidente do Padroado da Fundación Cidade da Cultura, e o presidente da Fundación Penzol, Alfoso Zulueta de Haz, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a conservación e difusión dos fondos bibliográficos e documentais da entidade a través da súa dixitalización. Entre os fondos da Fundación atópanse documentos relativos á obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ao clero regular, de carácter notarial e de diversas asociacións, o que contribúe ao valor singular do arquivo desta entidade.

Achega para a dixitalización

A través da Cidade da Cultura, a Consellería realizará a labor de conservación e difusión dos documentos da Fundación Penzol. Co obxectivo de facilitar esta labor de cara á conservación desta parte da cultura galega o departamento dirixido por Vázquez Abad achegará 35.000 euros para o traballo de dixitalización.

Cómpre recordar que estes fondos, que constitúen un tesouro bibliográfico e documental fundamental, único e singular do patrimonio galego na difusión e na conservación da cultura galega, evidencia a necesidade de coordinar esforzos para a súa defensa. Ambas entidades, manifestan así a súa vontade de promover accións dirixidas a recuperar, conservar, facilitar o acceso e estudo, e difundir á sociedade o patrimonio documental e bibliográfico da Fundación Penzol mediante a súa dixitalización e creación de metadatos.

O resultado do proceso de dixitalización dos fondos da Fundación Penzol serán entregados á Fundación Cidade da Cultura para a súa utilización no Arquivo e na Biblioteca de Galicia, así como na propia Fundación. Deste xeito os documentos terán unha maior utilización e difusión pública, de xeito que permita a consulta dos mesmos mediante as novas tecnoloxías da información.

Os fondos a dixitalizar

A primeira iniciativa que recolle este convenio ten que ver coa reorganización e a dixitalización do pequeno fondo documental “Alfonso Daniel Rodríguez Castelao”, formado por abondosa documentación de contido político no período que segue á derrota das forzas republicanas na Guerra Civil. Atópase correspondencia e informes con membros destacados do exilio con varias minutas e borradores de contestacións do propio Castelao.

Xunto con este grupo, é de gran interese un conxunto de catro cadernos nos que Castelao recolle do seu puño e letra numerosas notas que expresan as impresións das súas estadías en Cuba e Nova York, ata unha serie de apuntamentos que posteriormente empregaría na elaboración de Sempre en Galiza. Así mesmo, pódese atopar neste fondo a dixitalizar un álbum de debuxos orixinais de Castelao, formado por 6 autocaricaturas e outra máis na cuberta do mesmo álbum.

Tamén se levará a cabo a descrición e a dixitalización dun conxunto de fondos do clero regular, con documentos relativos aos Dominicos e aos Agostiños; de fondos notariais pertencentes a Gómez Fernández e Francisco de Lerma; e de asociacións de singular valor no arquivo da Fundación Penzol, como a Confraría de Santa María dos Mercaderes da Cidade de Santiago.