Un total de 94 concellos do rural adhírense á iniciativa autonómica de mellora da cobertura móbil

Domingo 23 de Febreiro de 2020

Un total de 94 concellos do rural adhírense á iniciativa autonómica de mellora da cobertura móbil

• Esta semana rematou o prazo para que as entidades locais presentaran a súa solicitude, na que se incluía a cesión de terreos adecuados para a instalación das infraestruturas de telecomunicación
• No primeiro semestre do ano a Amtega levará a cabo a validación das zonas sen cobertura e das parcelas trasladadas polos concellos
• Posteriormente, lanzarase unha convocatoria pública de axudas a operadores de telecomunicacións, para o que xa se está a iniciar o proceso de solicitude de autorización á da Comisión Europea
• A Administración autonómica conta cun orzamento de ata 5 millóns de euros para esta actuación

Un total de 94 concellos do ámbito rural solicitaron a súa adhesión á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural, que conta orzamento de ata 5 millóns de euros da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Para participar no plan as entidades locais debían incluír na solicitude a cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica, para o que poderán solicitar unha axuda máxima de 30.000€.

No primeiro semestre, a Administración autonómica, en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia validará as zonas con deficiencias de cobertura trasladadas polos concellos e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.

Aqueles concellos que cumpran cos requisitos, carecer de cobertura e poñer e dispoñer dos terreos adecuados, integraranse nun proxecto, que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico Retegal para a construción das torres e dunha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.

Para este último paso, o lanzamento da convocatoria pública de axudas a operadores de telecomunicacións, xa se está a iniciar o proceso para solicitar a autorización da mesma á  Comisión Europea. 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e a Federación Galega de Municipios (FEGAMP) asinaron en decembro de 2019 un acordo marco para facilitar que as entidades locais se sumasen ao plan.

O 90% dos galegos con acceso a internet de 100Mbps en 2021
A mellora da cobertura de internet foi una das prioridades do Goberno galego que entre 2010 e 2020 terá investidos 185 millóns de euros de fondos públicos nos dous Plans de banda larga que se puxeron en marcha nesta década.

Actualmente, o obxectivo da Xunta é incrementar  a porcentaxe e galegos con acceso a redes ultrarrápidas. Para conseguilo puxo en marcha varias actuacións, que sumadas ás do Estado permitirán que o 90% dos galegos teñan acceso a internet de 100Mbps en 2021.

Ademais, o Plan dotou de acceso a internet de máis de ata 350 Mbps a 81 e polígonos que contan con máis de 1.750 empresas e outras 80 de zonas illadas se beneficiaron de axudas directas para poder acceder a redes ultrarrápidas.