Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Un total de 401 persoas se examinan esta semana para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Amtega

• As probas presenciais celebraranse os días 14, 15 e 16 de novembro nas aulas CeMIT de 41 concellos de toda Galicia
• Están dirixidas a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios ou que optan pola modalidade autoformativa
• Este certificado, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acredita as competencias nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar a listaxe definitiva das 401 persoas matriculadas para a realización das probas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 13 de marzo, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios  das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice

As persoas admitidas poden consultar na web do CeMIT (http://cemit.xunta.gal) a súa data de exame asignada, centro e hora, así como as instrucións para a realización das probas. que se celebrarán o mércores, xoves e venres desta semana -días 14, 15 e 16 de novembro- nas aulas CeMIT dos seguintes 41 concellos:  Abegondo, Ames, O Barco, Barreiros, Betanzos, Boiro, Brión, A Cañiza, Carballedo, Celanova, Cerceda, A Coruña, Cuntis, A Estrada, Fisterra, Guitiriz, Lalín, Leiro, Lugo, Marín, Moaña, Narón, Oroso, Ortigueira, Ourense, Padrón, Pontedeume, Pontevedra, O Porriño, Ribadeo, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sarria, Tomiño, Valga, O Vicedo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e  Xunqueira de Ambía.
 

Perfil das persoas a examinar

En canto ao perfil das persoas convocadas, a media de idade é de 38 anos; a maioría son mulleres, (298 mulleres e 103 homes); o 55% ten estudos superiores e un 32% Bacharelato ou FP-II; e o 93% dispón de ordenador e acceso a internet no seu fogar. Do total das persoas matriculadas, un 27% son demandantes de emprego.
 

Avaliación

Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos  do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación e abertos todo o ano dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.es/ema, na que se poden atopar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo
 

Máis de 1.500 prazas convocadas neste ano  2018

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2018, que sumou un total de 1.531 prazas convocadas, e que terá a súa continuación  no vindeiro ano con novas convocatorias de dous  cursos de teleformación titorizada con exame final e  dúas convocatorias de probas presenciais na modalidade autoformativa.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 6.800 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.930 en cursos de teleformación titorizada e 4.923 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.800 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas  aulas da rede CeMIT.

A estes datos hai que engadir as mais de 300  actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet  (http://cemit.xunta.es/ema) e abertos para ser consultados en calquera momento.