Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Seleccionados os seis proxectos emprendedores da segunda edición do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’

Con esta iniciativa, a Fundación Vodafone España e a Xunta de Galicia fomentan o desenvolvemento de solucións innovadoras con tecnoloxías accesibles na Comunidade
Os proxectos elixidos están orientados a temas como a accesibilidade, a creación e fabricación 4.0, a formación interactiva, a mediación social, a tecnoloxía biométrica, e a contribución ambiental
Os seleccionados accederán a sesións de formación, mentoring, axudas económicas e un espazo de coworking na Cidade da Cultura

O xurado do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ seleccionou seis proxectos emprendedores de innovación social para formar parte da segunda edición do programa impulsado pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia. Desta forma, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020.

Proxectos seleccionados

Nesta segunda convocatoria, o xurado -formado por membros de Amtega, GAIN, XesGalicia, Vodafone España e a Fundación Vodafone España- fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as candidaturas recibidas:

  • 3DAcoustic proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción, e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa.
  • it! é unha empresa de creación e fabricación 4.0, que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada. it! ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu Marketplace online it!MARKET e o seu FabLab na Coruña it!LAB.
  • Formadox é unha plataforma de formación interactiva en tecnoloxía que achega ao usuario a experiencia da formación presencial dos talleres ou os laboratorios, mediante vídeos, simuladores e kits didácticos. A formación que se ofrece é a relacionada, entre outras materias, coa Internet das cousas, a industria 4.0, a robótica, a impresión 3D, as técnicas de fabricación dixital, a visión artificial, a realidade virtual e aumentada.
  • Mediación Móbil é un proxecto que busca axuntar novas tecnoloxías e plans integrais de mellora da convivencia en catro ámbitos (educativo, familiar, empresarial e deportivo) co obxectivo de prover a todo tipo de persoas dunha ferramenta de prevención e resolución de conflitos accesible, económica, personalizada e profesional.
  • Sense(x) é un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Ademais, grazas a un software específico, integra o sensor con diferentes dispositivos, o que permite obter estatísticas detalladas dos diferentes sensores, análises de uso, e mesmo compartir resultados nunha rede social.
  • Tapper é unha app que contribúe a reducir o desperdicio alimentario. Grazas a Tapper, os establecementos poden publicar ofertas de produtos preto do fin da súa vida útil, que os usuarios poden adquirir a un prezo rebaixado.

Beneficios de formar parte do programa

Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Os seleccionados poderán tamén dispoñer dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ situado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000€, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados outorgada por Fundación Vodafone.

As iniciativas poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio ‘Conectados pola Accesibilidade’ de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

Primeira Edición

O pasado 30 de maio celebrouse en Santiago o acto de clausura da primeira edición do programa, no que participaron os proxectos Insulclock, Robobo, KeeperTech, Phottic, PsicoVR e Xesmar. Destes seis proxectos, a axuda de 25.000 euros concedida por Xunta de Galicia a través de GAIN, recaeu no proxecto Robobo, robot educativo que combina unha plataforma robótica móbil cun Smartphone para fomentar a dixitalización nas aulas.

Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock, dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena automaticamente toda a información relativa á súa administración, por ser o que mellor incorporou os Principios de Accesibilidade Universal.