Seleccionados os seis proxectos emprendedores da primeira edición do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’

Luns 07 de Novembro de 2016

Seleccionados os seis proxectos emprendedores da primeira edición do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’

Con esta iniciativa, a Fundación Vodafone España e a Xunta de Galicia fomentan o desenvolvemento de solucións innovadoras con tecnoloxías accesibles na Comunidade
Os distintos proxectos seleccionados están orientados a mellorar a calidade de vida de persoas con diabetes, a educación nas aulas, os coidados de enfermos de Alzheimer, a alfabetización das persoas maiores, o tratamento de fobias e a xestión do traballo das confrarías de mariscadores galegas
Os seleccionados accederán a sesións de formación, mentoring, axudas económicas e a un espazo de coworking na Cidade da Cultura

O xurado do programa ‘Connecting for Good Galicia’ vén de seleccionar os seis proxectos emprendedores de innovación social que formarán parte da primeira edición do programa impulsado pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

‘Connecting for Good Galicia’ ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia. Desta forma, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020.

Proxectos premiados

Nesta primeira convocatoria, o xurado -formado por membros de Amtega, GAIN, IGAPE, Vodafone España e a Fundación Vodafone España- fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as máis de 40 candidaturas recibidas:

Insulclock: un dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena automaticamente toda información relativa á súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina. Esta solución mellora a calidade de vida das persoas con diabetes, evitando esquecementos e equivocacións grazas ao sistema de alarmas e avisos.
Robobo: unha ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas (ej: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Matemáticas) por parte do alumno.
MyKeeper: un proxecto que integra dous dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de Alzheimer ou outra demencia: un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador.
Phottic: un proxecto de alfabetización de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía, onde os mozos achegan o coñecemento tecnolóxico e os maiores a historia das imaxes.
PsicoVR: un software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico.
Xesmar: unha aplicación web que permite mellorar a xestión, organización do traballo e acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia.

Beneficios de formar parte do programa

Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ situado na Cidade da Cultura.

Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos os seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.

Ademais, os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros, outorgada por GAIN, e un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia, ao seleccionado como mellor dos seis proxectos, para a súa execución e posta en marcha.

Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, cunha dotación de 10.000€ ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.