Santiago acollerá en setembro unha xornada técnica sobre 5G, organizada pola Xunta e o Observatorio Nacional de 5G

Sábado 13 de Xullo de 2019

Santiago acollerá en setembro unha xornada técnica sobre 5G, organizada pola Xunta e o Observatorio Nacional de 5G

• Neste encontro exporanse os proxectos que van a iniciar este ano en Galicia con esta tecnoloxía
• En total, poranse en marcha na Comunidade 18 iniciativas dos tres principais operadores, que aplican o 5G ao ámbito sanitario, turístico, emerxencias ou a loita contra os incendios
• Esta semana reuniuse en Santiago a Comisión de seguimento do Nodo 5G ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo

O vindeiro mes de setembro Santiago converterase na capital do 5G, cunha xornada na que se darán a coñecer os 18 pilotos que se están a desenvolver en Galicia baseados nesta tecnoloxía. O encontro, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Observatorio Nacional de 5G, afondará nas vantaxes que esta tecnoloxía para cuxo despregamento a Unión Europea esixe aos Estados membros realizar, previamente, casos de uso.

A celebración da xornada foi un dos temas que se abordaron na última comisión de seguimento do Nodo 5G, ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo. Neste encontro, celebrado esta semana, representantes dos operadores xunto co director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, avanzaron na concreción dos pilotos baseados en tecnoloxía 5G, que se desenvolverán ata o 2020. En total os operadores comprométense a realizar 9 casos de uso cun investimento total de 2 millóns de euros.

A estas iniciativas hai que sumar outras 9 subvencionadas por Red.es a Telefónica para desenvolver tamén na Comunidade, e que suporán un investimento público privado de 11,5 millóns de euros en pilotos 5G. Galicia foi a única Comunidade que presentou candidaturas dos tres operadores a esta convocatoria sendo unha das dúas que finalmente conseguiron a subvención estatal.

Polo tanto, en Galicia desenvolveranse un total de 18 casos de uso e pilotos de 5G nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios, entre outras.  Estas iniciativas dan resposta aos requirimentos de Europa aos Estados membros de realizar “casos de uso”, é dicir escenarios nos que se probe e pilote esta tecnoloxía, como paso previo á súa extensión. 

Casos de uso do Nodo 5G
Cun investimento total de 2 millóns de euros, na comisión concretáronse os casos de uso que se desenvolverán dentro do Nodo 5G, con aplicacións desta tecnoloxía á sanidade, ás nas emerxencias, a extinción de incendios; ao coche conectado; ao control de acceso e vixilancia avanzada; ao campus 5G; ao turismo inmersivo e soporte remoto para atención á urxencia.

Medidas do Plan 5G
A  Amtega  puxo en marcha en  xullo de 2018 o Plan Galicia 5 G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun  dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5 G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía localícese na Comunidade.

Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do  Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por  Orange, Vodafone e Telefónica, no que se recolle o compromiso dos tres operadores. O  Nodo conta cun orzamento mínimo de 2 millóns de euros ata o 2020 e a súa actividade desenvolverase baixo a coordinación do operador público Retegal. 

Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación. Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Amtega,  a Universidade de Vigo e Retegal.

O programa formativo está orientado a ofrecer diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura  extensión da tecnoloxía 5G. 

O curso, que comezará en setembro, está estruturado en cinco módulos e un proxecto fin de curso. Máis de 200 horas lectivas, que cursadas na súa totalidade outorgarán o título de “Especialista en Tecnoloxías Celulares de Quinta Xeración (5G)” ás persoas cun título de grao ou unha enxeñaría no ámbito das TIC.