Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Rosa Quintana destaca a importancia do uso das TIC para a posta en valor do labor dos grupos de acción costeira

Explicou que a posta en marcha de Lonxanarede permitirá ofrecer aos seus clientes un produto e un servizo de calidade e ampliar fronteiras na difusión da calidade do polbo desta zona, produto no que se centrará a plataforma

Esta ferramenta, que empezará a funcionar despois das festas de Nadal, promove unha mellor organización e transparencia na xestión da venda do polbo das confrarías de Fisterra, Corcubión, Lira, Muros, O Pindo e Porto do Son

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, participou esta mañá na presentación da plataforma de poxa virtual, Lonxanarede, unha iniciativa do Grupo de Acción Costeira Fisterra-Ría de Muros e Noia, GAC 4. Durante a súa intervención, a conselleira sinalou que a plataforma é un exemplo de traballo conxunto do sector a través do GAC e en beneficio do territorio. Neste sentido, destacou a importancia do uso das tecnoloxías da información e da comunicación –TIC- para a posta en valor do labor dos GAC.

Rosa Quintana explicou que a posta en marcha de Lonxanarede permitirá ofrecer aos seus clientes un produto e un servizo de calidade e ampliar fronteiras na difusión da calidade do polbo desta zona, produto no que se centrará a plataforma. Sinalou ademais que esta iniciativa contribúe a través das TIC á mellora da identificación dos nosos produtos, un aspecto no que dende a Xunta buscamos avanzar a través do novo decreto de comercialización.

Poxas online

Esta ferramenta, que empezará a funcionar despois das festas de Nadal, promove unha mellor organización e transparencia na xestión da venda. O polbo que se porá á venda a través dela procede das confrarías de Fisterra, Corcubión, Lira, Muros, O Pindo e Porto do Son. A través dela poténciase o papel das confrarías implicadas na cadea de distribución e ábrese o produto a novos clientes potenciais.

É unha ferramenta de uso sinxelo que proporciona comodidade ao cliente, pois non se terá que desprazar ata a lonxa para a compra e permite ofrecer o produto a prezos máis competitivos, xa que non hai intermediarios. Ademais grazas a Lonxanarede impulsarase e difundirase a marca de calidade Polbo de lonxa coa que se etiquetará o produto vendido a través da plataforma. O custe de desenvolvemento desta ferramenta é de máis de 48.000 euros, cantidade sufragada polo GAC e financiada na súa totalidade a través do Fondo Europeo de Pesca.