Rogelio Martínez clausura unhas xornadas sobre o uso das tecnoloxías da información e a comunicación organizadas polo CIPF A Farixa

Xoves 19 de Decembro de 2013

Rogelio Martínez clausura unhas xornadas sobre o uso das tecnoloxías da información e a comunicación organizadas polo CIPF A Farixa

O delegado territorial da Xunta en Ourense subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para que o alumnado coñeza todas as ferramentas útiles para pór en marcha os seus proxectos laborais

Cómpre destacar a aposta que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a facer polas ensinanzas de Formación Profesional, e cuxos resultados son claros: máis oferta, ciclos modernizados e adaptados ás necesidades dos sectores produtivos galegos, novos ciclos e máis prazas para dar resposta ao crecente interese das persoas por estudar FP

O salón de actos do Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa acolleu este mediodía a última sesión e a clausura das Primeiras Xornadas sobre o uso das TICs (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), dirixidas aos alumnos de segundo curso dos ciclos formativos. Así os mozos e mozas participantes nestas xornadas coñeceron polo miúdo as ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías que están a revolucionar o mundo das comunicacións, tanto o campo social como empresarial.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado pola xefa territorial de Educación, Cultura e Ordenación Universitario, Mercedes Gallego, presidiu o acto de clausura destas xornadas e participou na entrega dos diplomas acreditativos da asistencia aos seus participantes.

Rogelio Martínez subliñou a aposta do Goberno galego para impulsar este tipo de formación participativa e agradeceu ao profesorado deste CIFP a organización destas xornadas, que tiveron como obxectivo dar a coñecer aos alumnos o gran potencial que ofrecen as ferramentas tecnolóxicas e a súa aplicación no mundo laboral e social.

As xornadas estiveron distribuídas en cinco sesións impartidas por expertos na materia e tiveron unha duración total de 10 horas. Entre os temas nos que afondaron estas xornadas figuran a presentación,manexo de ficheiros de audio e as súas aplicacións en PodCast; o tratamento dixital da imaxe; as redes sociais e, por último, os negocios na rede e o marketing on-line.

Máis oferta e ciclos modernizados
O máximo representante da Xunta de Galicia en Ourense aproveitou este acto para salientar a aposta que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a facer polas ensinanzas de Formación Profesional, e cuxos resultados son claros: máis oferta, ciclos modernizados e adaptados ás necesidades dos sectores produtivos galegos, novos ciclos e máis prazas para dar resposta ao crecente interese das persoas por estudar FP. Rogelio Martínez apuntou que “non en balde, como ben saben, nos últimos 5 cursos tense producido un notable incremento da matrícula nos ciclos formativos, o que demostra que a posta en valor destas ensinanzas que está a impulsar a Consellería está a dar claros froitos”.

O delegado territorial, nesta mesma liña, subliñou a atención á FP na provincia ourensá. Así lembrou que o CIFP A Farixa foi o primeiro centro integrado dependente de Cultura e Educación en Ourense, unha rede que, segundo contemplaba o Plan Impulsa Ourense, se completaría antes de 2014 con dous CIFP máis. “Hoxe podemos falar de compromiso cumprido, xa que contamos con 3 CIFP: A Farixa, Portovello e A Carballeira-Marcos Valcárcel. Grazas a estas iniciativas foi posible reforzar as familias profesionais que se estaban a impartir na cidade, convertendo aos nosos centros educativos en referentes na FP galega”, asegurou Martínez.