Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Preto de 900 profesionais da xustiza se beneficiaron das 1.600 horas de formación impartidas pola Xunta en 2010 no marco do Plan Senda

O obxectivo é capacitar aos usuarios nos novos sistemas de información e a novos avances tecnolóxicos no ámbito xudicial

A formación no 2010 centrouse nas aplicacións para a xestión procesual Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, no sistema de rexistro civil Inforreg e nos sistemas audiovisuais de gravación de vistas e videoconferencias

No 2011 completaranse a formación en Minerva Nox chegando aos 2.000 usuarios

Estas actividades forman parte dun proceso formativo no ámbito TIC por parte da Xunta que ten vocación de continuidade, como se recolle nas liñas de actuación do Plan Senda 2014

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, impartiu durante o 2010 un total de 1.600 horas de formación a diferentes colectivos xudiciais nas catro provincias galegas. Este proceso de formación é unha das liñas estratéxicas do Plan Senda 2014 para a modernización da Xustiza, xa que é o pilar fundamental para lograr a adaptación dos usuarios aos novos sistemas de información e a implantación de novos avances tecnolóxicos no ámbito xudicial.

A formación no 2010 centrouse nas aplicacións para a xestión procesual Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, no sistema de rexistro civil Inforreg e nos sistemas audiovisuais, tanto de gravación de vistas como de videoconferencias. A porcentaxe de asistencia superou o 96% dos usuarios convocados que valoraron especialmente a calidade de impartición por parte dos formadores e a metodoloxía pedagóxica utilizada.

Minerva Nox
A implantación do sistema de xestión procesual Minerva Nox fixo precisa a posta en marcha dun plan de formación orientado aos funcionarios do corpo de Xestión, Tramitación e Auxilio, así como xuíces, fiscais e secretarios xudiciais. No último trimestre do ano leváronse a cabo 59 cursos de formación nos que participaron preto de 380 usuarios dos órganos xudiciais das sete cidades galegas, ademais dalgunhas vilas das provincias de Ourense e Pontevedra.

Actualmente, xa están convocados preto de 600 usuarios para os próximos cursos e a previsión e formar a un 2.000 profesionais. Con este plan formativo que rematará no primeiro semestre de 2011 a Xunta dálle continuidade, como xa anunciara no seu día, á formación que se iniciou no mes de maio durante o proceso de implantación da aplicación Minerva Nox.

Inforeg
Durante 2010 continuouse coa formación na aplicación de Rexistro Civil en Lina (Inforeg) co a impartición de 148 cursos dirixidos aos xuíces e secretarios dos 270 Xulgados de Paz de Galicia. O proceso consistiu nun curso de capacitación inicial así como de sucesivas actuacións de reforzo para os usuarios que así o solicitaron co obxecto de acadar a súa plena incorporación á aplicación.

Como resultado destas actividades formativas o grao de uso da aplicación pasou dun 0,05% a finais de 2009 ao 83% ao remate de 2010. O sistema Inforeg permite realizar de xeito centralizado a inscrición e certificación de nacementos, matrimonios, defuncións e tutelas nos 45 Rexistros Civís Municipais e nos 270 Xulgados de Paz repartidos por toda Galicia.

Fortuny
Durante este ano iniciouse a formación no sistema de xestión das fiscalías Fortuny. Esta aplicación facilita e axiliza a tramitación de procedementos, dilixencias e expedientes. Os perfis de usuario que traballan con Fortuny corresponden a fiscais, corpos de Xestión, Tramitación e Auxilio Xudicial das fiscalías. Un total de 24 fiscais e usuarios avanzados do corpo de Xestión e Tramitación recibiron esta formación.

Lexnet
A aplicación Lexnet permite o intercambio seguro de información a través da vía telemática entre xulgados, procuradores e avogados, promovendo a identificación dixital e a sinatura electrónica dos profesionais ademais de reducir os tempos de tramitación e resposta contribuíndo á eliminación da notificación en papel.

Os colectivos que empregan Lexnet inclúen non só a procuradores e avogados senón tamén a secretarios xudiciais, xestores, tramitadores, auxiliares e perfís de administradores do Colexio de Procuradores. Este ano impartíronse 20 cursos a 120 usuarios do corpo de Xestión e Tramitación en distintas sedes xudiciais de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Formación en sistemas audivisuais
A introdución nas salas xudiciais de sistemas de gravación e videoconferencia fixo necesaria a definición dun plan específico de capacitación dos usuarios dos sistemas audiovisuais e do persoal de soporte técnico no manexo dos mesmos. Esta formación estivo dirixida aos secretarios e axentes xudiciais das salas onde se implantaron estes sistemas. Foron en total 41 cursos e máis de 80 horas impartidas das que se beneficiaron máis de 230 usuarios.