Os polígonos industriais de Meis e Vilagarcía xa dispoñen de conexión a Internet ultrarrápida grazas ao Plan de banda larga da Xunta e o operador R

Venres 16 de Marzo de 2018

Os polígonos industriais de Meis e Vilagarcía xa dispoñen de conexión a Internet ultrarrápida grazas ao Plan de banda larga da Xunta e o operador R

• O Plan, impulsado pola Amtega, chegará este ano a 8 superficies da provincia tras activar o servizo noutras 20 dende o ano 2016

• Na comarca do Salnés xa están funciona este servizo nos polígonos de Bamio e O Pousadoiro en Vilagarcía de Arousa, no de Baión en Vilanova, nos de Cobas e Vilanoviña en Meis, no de Cambados, e no Porto de Meloxo no Grove

• Para este ano está prevista a súa instalación no polígono de Tremoedo en Vilanova así como no da Pedreira en Meaño

• Unha vez completado o Plan o 95% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps

 

Os polígonos industriais de Covas e de Vilanoviña, no Concello de Meis e os de O Pousadoiro e Bamio en Vilagarcía contan xa con acceso a Internet de ata 350 Mbps. Son catro das 81 superficies empresariais galegas que quedarán conectadas a redes ultrarrápidas grazas ao Plan de Banda Larga 2020 da Xunta, impulsado pola Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) en colaboración con R.

O Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, xunto co responsable de medianas empresas de R, Jacobo González de los Santos, estiveron visitando esta mañá visitando os polígonos de Meis, nos empresas instaladas poden acceder xa ás redes de última xeración de R.

Na visita acompañáronnos o alcalde de Meis, José Luis Pérez Estévez, así como o secretario territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro, e Javier Touris, responsable administrativo dunha das empresas beneficiadas por este plan, Sigaltec.

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a outros 8 polígonos pontevedreses, acadando así un total de 28 superficies empresariais conectadas a redes ultrarrápidas este ano.

Na comarca do Salnés xa está a funcionar este servizo nos polígonos de Bamio e O Pousadoiro en Vilagarcía de Arousa, no de Baión en Vilanova, nos de Cobas e Vilanoviña en Meis, no de Cambados, e no Porto de Meloxo no Grove. Para este ano está prevista a súa instalación no polígono de Tremoedo en Vilanova así como no da Pedreira en Meaño.

As actuacións do Plan comezaron en agosto 2016 e na actualidade hai xa 20 polígonos da provincia con servizo de banda larga ultrarrápida. Unha vez completado o Plan, o 95% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.

350Mbps e servizos R de valor engadido

As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R.

Prazos e orzamento

O Plan xa completou o despregamento en 55 polígonos da Comunidade e este ano chegará a outros 26 máis. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.

A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).