Os polígonos industriais de Castiñeiras en Bueu e o de Monte Afieiras en Moraña disporán desde mañá de rede WIMAX de acceso a internet dentro dun proxecto promovido pola Xunta

Mércores 29 de Decembro de 2010

Os polígonos industriais de Castiñeiras en Bueu e o de Monte Afieiras en Moraña disporán desde mañá de rede WIMAX de acceso a internet dentro dun proxecto promovido pola Xunta

Con esta incorporación son 30 os polígonos galegos beneficiados pola iniciativa do Goberno galego que busca suplir as carencias de acceso a Internet nestes emprazamentos

A implantación da rede que permite a transmisión de datos por ondas radioeléctricas conta cun orzamento de 4,8 millóns de euros

Outros catro parques empresariais incorporaranse ao proxecto nos vindeiros meses

As empresas e os residentes na zonas de cobertura poderán contratar o acceso a internet de banda larga, desde 2 ata 12Mbps, con prezos que parten dos 30 euros mensuais

Os polígonos industriais de Castiñeiras no Concello de Bueu e Monte Afieiras no Concello de Moraña disporán de Rede Wimax para acceder á banda larga a partir de mañá martes, 30 de novembro. Os municipios incorpóranse ao proxecto WIMAX en polígonos industriais e parques empresariais que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para paliar as carencias no acceso a internet de banda larga nestes puntos. As deficiencias no acceso a unha rede de calidade nestas zonas provocan unha diminución considerable na capacidade das empresas alí radicadas para competir no mercado actual.

A incorporación a esta iniciativa dos polígonos industriais de Castiñeiras no Concello de Bueu e Monte Afieiras no Concello de Moraña súmase a outros 29 parques da Comunidade que xa tiñan operativa a citada rede. O obxectivo deste proxecto é solucionar o acceso a internet das diferentes empresas situadas nestes emprazamentos mediante unha actuación que conta cun orzamento de 4,8 millóns de euros, e que, sufragada en parte por fondos FEDER, se iniciou xa en febreiro de 2008. Neste sentido, a implantación da WIMAX –rede que permite a transmisión de datos empregando ondas radioeléctricas– permitirá aos polígonos arranxar unha grave carencia ao tempo que dotará as diferentes zonas dunha gran capacidade de atracción para acercar novas empresas.

Estrutura da rede e servizos ofertados

A construción das redes nos polígonos baséase en estándares e tecnoloxías que permiten alcanzar altas capacidades e garanten unha elevada dispoñibilidade do servizo. Para iso, instálase unha estación base en cada polígono e as empresas e residentes na zonas de cobertura poderán contratar o acceso a internet de banda larga, desde 2Mbps ata 12Mbps, con prezos que parten dos 30 euros mensuais. Igualmente, a estación permite ofertar tamén servizos de voz mediante a tecnoloxía VoIP así como contratar servizos de valor engadido como videovixilancia ou intranet corporativa.

Nestes momentos, e á marxe dos trinta polígonos que xa contan con esta rede, outros catro parques empresariais e polígonos industriais incorporaranse ao proxecto durante os próximos meses.