Os polígonos industriais de As Pontes e Cerceda xa dispoñen de acceso a internet de ata 350 mbps grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

Venres 11 de Maio de 2018

Os polígonos industriais de As Pontes e Cerceda xa dispoñen de acceso a internet de ata 350 mbps grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

• As empresas destes recintos poden acceder tamén a servizos de valor engadido para facilitar a súa transformación dixital
• O Plan, impulsado pola Amtega, chegará a 27 polígonos coruñeses ao remate deste ano
• Unha vez completado o Plan, o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps
• Ademais, o Plan iniciará este ano a extensión de redes de 100Mbps en núcleos de menos de 300 habitantes de 181 concellos das catro provincias

Un total de 40 empresas localizadas nos  parques empresariais de O Acevedo en Cerceda e da Cruz das Cabezas, en As Pontes de García Rodríguez, dispoñen xa de acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps. Son dúas das 81 das superficies empresariais de toda Galicia que se beneficiarán do Plan de Banda Larga 2020, impulsado pola Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co operador R.

As actuacións do Plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había xa 22 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida. Ao remate de 2018 cumprirase o obxectivo dos 27 previstos no Plan, que sumados aos que xa dispoñían deste servizo, suporá que o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.

Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega abriu en  2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse preto de 400.000 euros a subvencionar solucións específicas a máis de 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50Mbps e 350Mbps.

350Mbps e servizos R de valor engadido

As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R.

Prazos e orzamento

O Plan xa completou o despregamento en 57 polígonos da Comunidade e este ano chegará a outros 24 máis. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que  concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mbps.

A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Redes de 100Mbps en núcleos de 181 concellos

Tras as dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a Amtega vén de poñer en marcha a terceira actuación para  facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en núcleos de menos de 300 habitantes de 181 concellos galegos. Esta medida, cun investimento público de 14,2 millóns de euros (cofinanciados aos 75% con fondos FEADER) beneficiará a  74.400 galegos.

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos ata o 2020 con fondos FEADER, mentres que o Estado está a localizar os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño cun investimento de 21 millóns de euros que beneficiará a outros 258.000 galegos en 2019.