Os maiores de Vigo poden disfrutar dende hoxe dunha viaxe pola Galicia virtual a través da exposición itinerante Galiciadixital

Mércores 09 de Decembro de 2009

Os maiores de Vigo poden disfrutar dende hoxe dunha viaxe pola Galicia virtual a través da exposición itinerante Galiciadixital

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares inauguraron a mostra, aberta ao público ata o 15 de decembro no Centro Sociocomunitario do Calvario. A partir de xaneiro Galiciadixital visitará tamén algúns hospitais galegos e así volverá Vigo, ao Hospital Xeral-Cies, o 9 de marzo.

Os vigueses poden disfrutar a partir de hoxe e ata o 15 de decembro dos últimos avances tecnolóxicos que ofrece a mostra itinerante Galiciadixital, organizada pola Secretaría Xeral de Medios en colaboración coa de Familia e Benestar. O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares, inauguraron hoxe  a mostra no Centro Sociocomunitario do Calvario de Vigo que poderá visitarse gratuítamente de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, excepto o domingo 13 que permanecerá pechada.

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, suliñou o interese do seu departamento en amosar ao galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os traballos multimedia realizados por empresas e universidades galegas. A exposición fomentará ademais a interrerlación entre mozos e maiores con visitas programadas de colexios. O secretario xeral de Medios anunciou tamén durante a súa intervención que a partir de xaneiro Galiciadixital percorrerá distintos hospitais galegos. De feito, a exposición voltará a Vigo, ao Hospital Xeral-Cies, o 9 marzo. Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares, agradeceulle á Secretaría Xeral de Medios a oportunidade de poder visitar a mostra no municipio.

A mostra estase a levar por vez primeira a residencias de maiores con grande éxito de acollida. Así, a exposición chega a Vigo dende Lugo, onde recibiu a visita de máis de mil trescentas persoas na Residencia de Maiores A Milagrosa.

Ao acto de inauguración asistiron, ademais dos usuarios do Centro Sociocomunitario de Vigo, representantes da Asociación Galega de Fibromialxia, da Asociación Parkinson Galicia, e da Asociación de Veciños de Coia, entre outros.

Galiciadixital está pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, tocando e experimentando todo, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades, e así o demostra o gran éxito que está a acadar nas localidades que a acollen.

Contidos da exposición itinerante
O visitante somérxese nun mundo dixital a través de proxeccións e xogos en 3 dimensións como por exemplo as “Cidades do Camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada usuario pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas máns por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

“Axóuxere” é un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente. En modo automático o can atende a comandos de voz para que xogue coa súa pelota. E así ata oito contidos diferentes que permiten ao visitante gozar dunha experiencia nova e divertida.

“Aerodeslizadores por Compostela” é un xogo que consiste nun descenso pola zona histórica dunha cidade galega virtual, nun futurista “aerodeslizador”. Nesta carreira enfróntanse dous xogadores subidos nos seus correspondentes “aerodeslizadores”. Cada xogador moverá a súa táboa mirando ás opcións correspondentes para alcanzar a máxima velocidade e así gañar a carreira.

Outros seis contidos máis completan a exposición que estará no Centro Sociocomunitario do Calvario do 9 ao 15 de decembro.