Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Os galegos xa poden consultar en liña a situación dos seus procesos xudiciais

Galicia é a primeira Comunidade en poñer en marcha a sede xudicial electrónica
Progresivamente, incorporará novas funcionalidades como o inicio electrónico de procedementos monitorios ou o acceso seguro dos profesionais aos expedientes dos procesos xudiciais
É un dos fitos previstos no Plan Senda 2020 para a implantación do Expediente Xudicial Electrónico, cuxas pezas xa están en marcha en Galicia

A sede xudicial electrónica permite aos cidadáns e profesionais da Comunidade consultar a situación na que se atopan as demandas ou procesos xudiciais nos que sexan parte. Galicia é a primeira Comunidade en poñer en funcionamento a sede electrónica xudicial, cumprindo os requisitos que marca a Lei 18/2011 do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de Xustiza.

Nesta primeira fase da sede xudicial electrónica os cidadáns tamén poden consultar información dos procedementos que se poderán presentar en sede e verificar documentos electrónicos. Progresivamente, a sede irá incorporando novas funcionalidades para os cidadáns como a de iniciar en liña procedementos monitorios (unha fórmula xudicial para reclamar impagamentos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador), ou o acceso seguro dos profesionais aos expedientes dos procesos xudiciais nos que son parte.

A sede xudicial está accesible no enlace https://sede.xustiza.gal e a través do portal xustiza.gal, que ofrece outros servizos complementarios como a axenda de sinalamentos de vistas, o calendario de gardas, a calculadora de taxas xudiciais ou o censo de letrados. O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial.

Este é un dos fitos previstos no Plan Senda 2020 da Xunta de Galicia, segundo o explicaron esta mañá, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a directora da Amtega, Mar Pereira; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suances, nunha rolda de prensa na que tamén se fixo balance dos avances para conseguir a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE).

En marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico

En Galicia todas estas pezas que compoñen o EXE, e que permitirán unha xustiza sen papeis, están en marcha, algunhas con anos de antelación respecto ao conxunto do Estado. É o caso de Lexnet, a plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, que se implantou na Comunidade en 2010 e que desde 2014 xa tiña habilitada a funcionalidade de presentación de escritos. O pasado 1 de xaneiro entraba en vigor a obrigatoriedade de que todos os axentes xudiciais empreguen Lexnet, que rexistrou preto de 5 millóns de comunicacións telemáticas no que levamos de ano.

Visor do Expediente Xudicial Electrónico

En marzo deste ano iniciouse nos xulgados de Pontevedra a pilotaxe do visor do expediente xudicial, unha solución multidispositivo e única para todos os profesionais da Administración de Xustiza, que lles permite acceder á información dos expedientes xudiciais en formato electrónico.

En novembro o visor estará implantado na totalidade dos órganos xudiciais e xa están rexistrados como usuarios máis de 700 profesionais entre xuíces, fiscais e letrados, que poden acceder aos expedientes e consultar os procedementos, pezas e documentos que os conforman desde calquera lugar evitando imprimir a documentación e coas vantaxes de axilidade, eficiencia e seguridade que iso supón.

Máis do 80% das salas con gravacións de vistas e sinatura dixital

Galicia liderou a evolución do sistema de gravación de vistas con sinatura dixital eFidelius, que permite incorporar as gravacións dos xuízos ao expediente xudicial electrónico. Na actualidade, máis do 80% das salas de vistas esta esta solución instalada. En 10 meses graváronse en Galicia máis de 50.000 vistas.

A sinatura dixital é outras das solucións nas que se está avanzando en Galicia. A integración do portasinaturas no sistema de xestión procesual Minerva permite aos xuíces asinar sentencias e procedementos sen ter que imprimilos e coa mesma validez que unha sinatura en papel. No que levamos de ano xa se realizaron máis de 13.000 sinaturas dixitais.

Un repositorio único con nove millóns de expedientes

A pedra angular da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede, o portal de xustiza...) é o repositorio unificado xudicial, que está consolidado no 100% dos órganos xudiciais (45 sedes xudiciais, 4 audiencias e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), e permite a consulta de case nove millóns de expedientes. Neste repositorio actualízase diariamente a información dos distintos expedientes xudiciais, xerada en cada sede xudicial, cunha media de 1.500 novos expedientes diarios.

Plan Senda 2020

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan Senda 2020 para consolidar a dixitalización da Xustiza e avanzar cara o cero papel, un proceso progresivo, e conta cun investimento previsto de 26,6 millóns de euros.