Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Os galegos poderán realizar a partir de xaneiro todos os trámites dos impostos da vivenda de forma telemática

A conselleira de Facenda asinou un convenio de colaboración co presidente do Consello Xeral do Notariado e co decano do Colexio Notarial de Galicia

Esta tramitación telemática diminúe a presión fiscal indirecta, mellora a eficacia na xestión e reduce os custes administrativos

Fernández Currás salienta que se reducen os custos de mantemento de arquivos e manipulación de documentos en papel e se mellora a verificación dos datos

A obriga formal de aportar una copia simple do documento notarial poderase substituír pola remisión dunha ficha notarial cos elementos básicos da escritura

A iniciativa enmárcase na estratexia da Xunta de simplificar todos os procesos de cumprimento das obrigas tributarias e impulsar o uso das novas tecnoloxías

Os cidadáns galegos poden realizar xa todos os trámites para o pago dos impostos sobre a vivenda por vía telemática. A Consellería de Facenda ven de habilitar a posibilidade de que o contribuínte, ou o seu representante, cumpra de forma telemática todos os trámites relativos ao Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD).

Neste marco, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente do Consello Xeral do Notariado, Antonio Ojeda Escobar; e co decano do Colexio Notarial de Galicia, José Manuel Amigo Vázquez.

En virtude deste convenio este imposto poden tramitarse e pagarse dende a propia notaría na que se autorice a escritura pública sen ter que acudir ás oficinas da Consellería de Facenda.

Marta Fernández Currás salientou que “a tramitación telemática do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) permitirá diminuír a presión fiscal indirecta, mellorar a eficacia na xestión e reducir os custes administrativos”.

O obxectivo deste convenio é o de establecer un marco de colaboración apropiado que permita aos notarios, en representación dos contribuíntes que voluntariamente o soliciten, facer todos os trámites que actualmente teñen que facer na Consellería.

A partir de agora á obriga formal de aportar una copia simple do documento notarial poderase substituír pola remisión dunha declaración informativa ou ficha notarial cos elementos básicos da escritura. Esta ficha debe reproducir fielmente os elementos básicos da escritura, sobre todo aqueles que teñan relevancia a efectos tributarios, velando o notario pola máis estrita veracidade desta, así como pola su correspondencia cos documentos públicos autorizados e intervidos.

Vantaxes do novo sistema telemático

A titular de Facenda explicou que a aplicación deste novo sistema permitirá “reducir a presión fiscal indirecta, tanto pola supresión da obriga de achegar copia simple por parte do contribuínte, desaparecendo un custo fiscal indirecto; coma pola posibilidade de remisión telemática que evita desprazamentos ás oficinas xestoras”.

Ademais, sinalou que “outorga maior eficiencia na xestión tributaria e a redución de custos administrativos”. Por unha parte, como consecuencia da dixitalización de documentos reduciranse os custos derivados do mantemento de arquivos e manipulación de documentos en papel.

Igualmente a mellora na información subministrada pola ficha notarial permitirá dar un salto cualitativo de grande importancia na verificación de datos das autoliquidacións presentadas polos contribuíntes, xa que será posible automatizar determinados aspectos da comprobación mellorando a eficacia xestora.

Se temos en conta que no ano 2009 se presentaron en Galicia en torno a 304.000 autoliquidacións polo ITP-AXD, e das que aproximadamente o 90% se correspondían a documentos notariais, “poderiamos concluír que entorno a 275.000 autoliquidacións ao ano poderán utilizar o novo sistema, o que da una boa idea do seu impacto”, asegurou

Administración máis eficiente, áxil e moderna

Marta Fernández Currás sinalou tamén que a sinatura deste convenio ven a completar a presentación e pagamento telemático das autoliquidacións correspondentes ao ITP-AXD que xa estaba dispoñible na actualidade, coa posibilidade de remisión, tamén por vía telemática, das escrituras e demais documentos notariais. “Trátase, así, de evitar o desprazamento do contribuínte á calquera ás oficinas xestoras da Consellería de Facenda”, subliñou.

Ademais, a conselleira resaltou que a iniciativa se enmarca na estratexia do Executivo galego de simplificar todos os procesos de cumprimento das obrigas tributarias e impulsar o uso das novas tecnoloxías no ámbito da administración pública. Segundo dixo “o obxectivo é acadar unha administración máis eficiente, áxil, moderna e cercana aos cidadáns”.