Os galegos poderán autorizar a terceiros a realizar os seus trámites dixitais coa Xunta

Luns 03 de Agosto de 2020

Os galegos poderán autorizar a terceiros a realizar os seus trámites dixitais coa Xunta

• A Amtega abre o período de exposición pública do Decreto que regulará o rexistro electrónico xeral de apoderamentos, e que permitirá habilitar a unha persoa ou a un funcionario para estas xestións
• Está previsto que estea operativo no último trimestre do ano
• É unha das medias contempladas na Lei de Administración Dixital de Galicia para facilitar a relación telemática dos cidadáns coa Administración

Os galegos poderán autorizar a unha terceira persoa ou a un funcionario público a realizar trámites dixitais en nome doutra persoa no último trimestre do ano. A articulación desta fórmula recóllese no Decreto que regulará o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos da Comunidade e cuxo prazo de exposición pública acaba de abrirse. É un dos pasos previos para a súa a aprobación no último trimestre do ano, no que se prevé que estea operativo.

O Rexistro é un instrumento que facilita aos cidadáns a acreditación, ante os órganos do sector público de Galicia, dos apoderamentos que vai conceder para que realicen as xestións online coa Xunta no seu nome. As solicitudes de apoderamento poderán realizarse a través da sede electrónica da Xunta ou ben de xeito presencial nas oficinas de atención e rexistro da Administración autonómica.

O Rexistro electrónico xeral de apoderamentos estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, onde constará a relación dos trámites e procedementos da Guía de procedementos e servizos que poden ser obxecto de apoderamento. Así mesmo, as persoas interesadas poderán consultar os apoderamentos inscritos nos que figuren como outorgantes ou apoderados e o alcance de cada un deles.

O apoderamento terá unha vixencia máxima de cinco anos durante o cal a persoa poderá revogalo e o apoderado tamén poderá renunciar á representación.

O Decreto regula tamén o Rexistro autonómico no que constarán as persoas titulares de determinados órganos ou cargos, como alcaldes e presidentes das deputacións provinciais de Galicia; persoas titulares dos órganos das administracións públicas galegas cuxo nomeamento sexa publicado no Diario Oficial de Galicia ou no boletín oficial correspondente; directores de centros educativos públicos e universidades autonómicas ou delegados da Xunta no exterior.

Unha administración máis dixital
Este decreto incrementa as garantías e facilidades para cidadáns e empresas no contexto actual de transformación dixital, no que a xestión online se está a consolidar entre os galegos como a opción maioritaria para relacionarse coa Administración. Máis do 53% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica da Xunta, das oficinas virtuais, ou a través o rexistro electrónico.

O Plan de Goberno e Administración Dixital de Galicia 2020, elaborado pola Amtega, conta cun sistema indicadores para avaliar a evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais tanto información de uso por parte de cidadáns e empresas como a nivel interno.

Ademais de constatar o incremento da xestión online dos cidadáns, o sistema indica o aumento no uso de servizos dixitais internos por parte dos empregados públicos. É o caso da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que evitou aos galegos presentación de máis de 7,8 millóns de documentos, que xa obran en poder da Administración. Os empregados públicos poden consultar en Pasaxe ata 72 tipos de documentos, como o DNI, certificados de familia numerosa ou discapacidade, títulos universitarios etc.

As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 72%, pasando de máis de 309.000 en setembro de 2018 a máis de 539.000 en 2019.

Aínda que se segue asinando en papel o uso da firma dixital continúa a estenderse en 2019 asináronse dixitalmente preto de 4 millóns de documentos.

Decretos da Ledixga
O Decreto que regula o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos é un dos tres que se están a desenvolver no marco da Lei de Administración Dixital de Galicia. Xa se aprobou o de Decreto que se regula a ampliación dos prazos de presentación de solicitudes, escritos, comunicacións e documentos na sede electrónica da Xunta e estase a traballar na elaboración do decreto que regulará o Marco galego de Competencias Dixitais e que permitirá á cidadanía e aos empregados públicos acreditar os coñecementos e habilidades dixitais, tomando como referencia o marco europeo.